Xeración de emprego dende os Concellos

29 de mayo de 2015 (13:37 CET)

Imaxinen unha institución ou empresa que ignore sistematicamente o que debería ser principal obxectivo da súa estratexia. De feito, non necesitan imaxinalo porque un caso así atoparán nos titulares de calquera medio de comunicación destas últimas semanas. Trátase dos concellos españois. Cal habería ser a súa función esencial? Contribuír á xeración de riqueza e traballo de modo que os seus cidadáns teñan a garantía de conseguir un emprego digno. Repasen os orzamentos municipais e a propia actividade de cada corporación e verán que tal obxectivo non xogou papel ningún na política local no País.

A política municipal en Galicia e en España adoita ignorar, ou como moito minusvalorar, a promoción de proxectos empresariais, a atracción de capital produtivo ou a construción dun ecosistema óptimo para a xeración de actividade económica. Os concellos entenden que ese labor corresponde a outras instancias, que a súa función limítase esencialmente á ordenación urbana e á prestación de servizos. O cal representa unha visión miope incompatible coas demandas sociais e coa contorna de competencia global existente tamén entre cidades.

Esta errada concepción da función dos concellos provén do inmobilismo propio das institucións que deriva nunha pura xestión da continuidade, así como da reducida dimensión que adoitan observar os municipios tanto en Galicia como en España. Velaí que un dos primeiros conceptos a implantar deba ser a cooperación intermunicipal, que pode adoptar diversas fórmulas e que mesmo se pode beneficiar dos programas comunitarios vixentes con este fin. Mentres que a imprescindible reordenación administrativa non se leve a cabo e reduza o número actual de concellos a unha cuarta ou quinta parte dos actuais, a actuación coordinada coas Deputacións habería utilizarse igualmente co fin de salvar os problemas evidentes do reducido tamaño dos municipios.

Xa se faga en cooperación ou en solitario, as corporacións que están a piques de constituírse tralas pasadas eleccións teñen que actuar dun modo diferente ó das anteriores gobernos locais. Están obrigados a repensar a súa organización e recursos para incorporar os medios necesarios –capital e intelixencia– de modo que sexan capaces de promover a actividade económica dentro do seu territorio e, con iso, de xerar oportunidades laborais tanto para os desempregados como para os mozos que se incorporan ao mercado de traballo.

Que facer? Non é preciso inventar nada. Cidades de países ben distintos levan décadas funcionando como auténticos polos de desenvolvemento. A análise dos factores endóxenos de cada municipio e a detección das actividades cun maior potencial de emprego vinculados a eles, a elaboración dun banco de oportunidades de desenvolvemento de proxectos, a intervención / colaboración directa nas universidades e centros de formación profesional para difundir as iniciativas anteriores e promover planes de acción a partir delas, a creación dun ecosistema relacionado coa economía medioambiental, a dotación de solo industrial e instalacións empresariais a prezos óptimos, a construción dun programa integral en torno á chamada economía creativa, no medio rural a substitución do monocultivo depredador do eucalipto por proxectos cooperativos no sector primario, etc. etc. Posiblemente, sexa máis que conveniente a creación dunha Unidade especializada ou Axencia local de desenvolvemento para coordinar o conxunto de accións.

En resumo, as liñas estratéxicas existen. Os concellos do 2015 deben identificalas, desenvolvelas e executalas. Velaí teñen o seu primeiro gran desafío para o vindeiro período de catro anos. 

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad