Vía libre para Feijóo 

stop

 

02 de agosto de 2016 (21:34 CET)

Logo de que o lehendakari establecese a data das eleccións galegas, pódese concluír que, aproveitando que o Miño pasa por Ourense, ao presidente Feijóo veulle que nin pintado o pretexto para adiantar un mes as eleccións. O argumento da "responsabilidade" e da "estabilidade" resulta moi cuestionable, porque outros argumentos (a personalidade de Galicia, sen ir máis lonxe) reclamarían criterio, espazo e tempo propios.

Mais non é a data das eleccións o máis relevante no actual contexto político galego, tan determinado polo bloqueo e a incerteza en Madrid. O verdadeiramente importante é que a dereita galega volve ás urnas agrupada sen fendas arredor de Feijoo, mentres que a esquerda presentará cando menos tres candidatos e aínda cabe que sexan catro, se Podemos optase por acudir ás urnas á marxe das mareas.

Esa é a gran baza coa que xoga Feijóo nos comicios de setembro. A mesma que vén utilizando ultimamente e que tan bos resultados está a lle prestar. Hai tempo que xa non se discute nin se replica o que neste momento debería ser o núcleo da axenda política: a xestión do presidente durante este seu segundo mandato.

Esa falta de oposición reflicte non só a división da esquerda, senón a propia debilidade interna de PsdeG, Bloque, Podemos e mareas. O adianto electoral dificulta aínda máis a recomposición do labirinto Anova-EU-Mareas-Podemos, cheo de incógnitas, sobrado de retórica, falto de liderado e orfo de programa alternativo para enfrontar, con realismo e pragmatismo, os problemas "da xente".

Feijóo ten a tiro a maioría absoluta e vai por ela. Sería un éxito incontestable que reforzaría a súa aínda non de todo pechada "opción Madrid", nun hipotético relevo do plasmático presidente en funcións, Mariano Rajoy.

Se non conseguise esa maioría, a realidade, a día de hoxe, é que costa traballo albiscar outra opción viable. Demasiado verde. Demasiados vimbios para facer o cesto. Polo pronto, Feijóo xa deixou ver que o seu branco predilecto durante a campaña vai ser ese espazo da esquerda mareas/Podemos, aproveitando o seu precario estado. Por se houbese dúbidas, esta semana o presidente declarou que, chegado o momento, falaría cos socialistas para que lle facilitasen un goberno se non alcanza a maioría absoluta. Sóalles? Ninguneo do PsdeG, sacado do centro do escenario e reducido a posible "muleta" da dereita. Leiceaga ten tarefa dabondo.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad