Un tal Xulio Ferreiro

02 de marzo de 2015 (12:48 CET)

Na Coruña xa se sabe que o próximo alcalde ou alcaldesa sairá desta terna: Carlos Negreira, Mar Barcón e Xulio Ferreiro. O actual alcalde popular e a líder socialista local teñen rival novo. Ferreiro, un profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña, emerxe como terceira opción real para facerse coa poltrona municipal.

O prestixio de Ferreiro, un home de probada honestidade, compromiso e capacidade de traballo, foi quen de permitir que a esquerda local, reunida case toda ela na Marea Atlántica, solventase a primeira gran dificultade que se lle presentaba a semellante pupurrí de siglas: escoller candidato/a. A Coruña é o principal banco de probas desta modalidade de coalición alternativa na que están Podemos, Anova, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia… Mais nese "espazo de confluencia" falta o BNG do seu colega e amigo Xosé Manuel Carril. Seica o Bloque, enfrascado no seu labirinto soberanista, non está para lerias, coalicións nin plataformas, malia non lle favorecer nada as enquisas.

Xulio Ferreiro fala estes días con solvencia nos medios de comunicación. Esgrime un manual de acción coas 25 primeiras medidas que tomaría de ser alcalde. Accións concretas e específicas no ámbito local (vivenda, impostos, lixo, soldos, transporte). Alonxadas, xa que logo, dos clásicos eslógans de principios cos que a esquerda teima en aburrir o electorado prometéndolle que vai cambiar o rumbo da globalización ou a cortocircuitar o negocio das eléctricas desde a acción local.

Home de leis ao cabo, Ferreiro gasta correción política. Nada que non sexa cumprir coas leis, pero a promesa doutro xeito de gobernar. Talvez sorprenda esa reprobable teima, tomada de Podemos, en negar a evidencia. "Non somos nin de esquerdas, nin de dereitas", sostén impasible. Semella que se tivese medo a recoñer a ubicación na esquerda ou –con maior probailidade– que se queira captar voto tamén nos caladoiros do descontento no centro-dereita.

Mentres, o Partido Popular reuniu o domingo os seus candidatos municipais para coller folgos baixo a inspiración de Soraya Sáenz de Santamaría e un alicaído presidente Feijoo, que non deixa de recibir moi malas noticias no ámbito económico. A Coruña é unha das prazas que poden perder se non revalidan a maioría absoluta. De non se inventar axiña un socio co que completar escanos, a alcaldía quedaría en mans da esquerda. Posiblemente sería moi difícil un pacto PSOE-Marea, pero non imposible que a forza destas dúas que teña máis votos deixe gobernar o outro. Daquela, Xulio Ferreiro ten opcións de dar a campanada na Coruña.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad