Un acabador para o BNG?

stop

 

06 de febrero de 2016 (01:36 CET)

Nas primeiras páxinas de "Os elefantes de Sokúrov", recente e moi recomendable novela de Antón Riveiro Coello, aparece un personaxe peculiar. Un paisano que, segundo relata o autor limiao, dispoñía "dun gran poder de fascinación, que aproveitaba a súa retórica para guindar os enfermos á morte dunha maneira natural". Un home que axudaba á xente a ter unha boa morte. Chamábanlle o acabador.

Febreiro preséntase como un mes crítico para o Bloque Nacionalista Galego, que ten convocada asamblea nacional para o día 28 na Coruña. Semanas claves para deteminar se a formación frontista é quen de se rearmar anímica, organizativa e estratexicamente ou, se pola contra, a hemorraxia de votantes e de cadros aconsella irlle deixando facer o seu traballo ao acabador.

Hai uns días deuse de baixa no BNG Ana Luisa Bouza, unha veterana dirixente que ocupou distintos cargos de representación e de xestión ao longo da súa traxectoria na formación nacionalista. Moi posiblemente non será a única, se se confirman algúns indicios.

Pódese rexistrar unha onda de saídas moi significativas. Os máis pesimistas cren que se vai producir unha nova réplica da dolorosa fractura da asamblea de Amio en 2012, cando o mesmísimo Beiras deu un portazo e liscou acompañado doutros destacados dirixentes e cadros.

O contido da ponencia política que estes días puxo a debate a executiva do Bloque xerou importantes reaccións de decepción e desagrado, porque, segundo os máis críticos, esquiva os fondos cambios organizativos e estratéxicos que o BNG precisaría.

O oficialismo bloqueiro fala, sen rodeos, dunha refundación e de artellar un novo proxecto político. Daquela, oficialistas (isto é, da órbita da UPG) e independentes coinciden en que a remuda ten que ser considerable. Non é cousa de lle seguir botando estoicismo ás consecutivas debacles electorais. Non é cousa, porque de ser así, o proceso non pode acabar doutro xeito que chamando polo acabador da gran novela de Antón Riveiro. E coido que ninguén quere verse nese papel.

O modelo organizativo interno do BNG favorece o control por parte da UPG, o seu núcleo ideolóxico máis duro. E sucede así malia ser independente un 80% da militancia. Non semella que se queira emendar esa disfunción. Un asunto básico que xa foi determinante na escisión de hai catro anos.

Neste tempo Compromiso por Galicia ergueu unha feble estrutura e segue a procurar o seu espazo dentro do nacionalismo moderado, que o ten e, sorprendentemente, está sen ocupar. Mentres, Beiras e os que aínda seguen canda el preludiaron a "unidade popular" de parte das esquerdas españolas e dos movementos emerxentes deseñando AGE e conseguindo varios escanos no Parlamento, primeiro, e no Congreso, logo.

Fracasaron todos os intentos que nas eleccións xerais se fixeron para que, cando menos por estratexia electoral, todos os nacionalismos confluísen con Podemos. Malia a presión das bases, o BNG negouse a participar nunha coalición claramente liderada e rexentada desde fóra do país. Foi coherente a costa de pagar un alto prezo e quedar sen escano en Madrid.

Coas eleccións galegas deste ano xa nas axendas políticas, o Bloque vive momentos decisivos. E non só porque se manteña decidido a non "confluír" con forzas españolistas antes dos comicios, senón porque terá que demostrar ser quen de resintonizar con esas amplas capas progresistas da sociedade galega que lle viraron as costas. Reconectar coas súas preocupacións máis urxentes e ofrecerlles respostas convicentes que non adíen a solución dos problemas para o día hipotético e quimérico en que Galicia sexa unha república. Largo me lo fiais, don Sancho.

E tamén facer radiografía, escáner e resonancia ao mesmo tempo para clarexar por que os galegos votan cada vez menos en clave nacionalista. Porque o declive do BNG xa comezara antes da crise, antes de Amio e antes de Podemos. Se as probas son negativas, mellor chamar o acabador.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad