Treboada socialista e outros desacougos políticos do país 

15 de julio de 2015 (04:49 CET)

A pouco máis dun ano para que se renove a Xunta, Galicia non ten candidato ningún para presidila. Por unhas ou outras causas, o certo é que a inestabilidade política ambiental reflíctese tamén no desacougo xeneralizado de partidos, coalicións e outras formacións aspirantes a ocuparen a poltrona en Santiago.

Á esquerda do PSOE quedan meses de mareas, con marusías incluídas, ata que se remansen as augas e se saiba como se artella ou artellan finalmente as distintas opcións (candidaturas populares, que lles chaman) sobre as que agora se debate con paixón. Vellos (IU, BNG) e novos actores políticos (Podemos, Mareas), xunto cos respectivos anexos, variantes e disidentes, ofrecen hoxe un panorama moi confuso e mediatizado pola estación intermedia das eleccións xerais.

Tampouco se sabe quen liderará a candidatura do Partido Popular, con moito a forza máis potente do panorama político galego. Non está claro se volverá ser o propio Feijoo, sempre cun pé en Madrid e mirando de esguello como sopra o nordés pola Moncloa e polo cuartel xeral da rúa Génova.

Ao presidente Feijoo seica lle preocupan os nubeiros de tronada estacionados xusto enriba da parroquia socialista por mor da incansable, imprevisible, interminable e por veces inintelixible xuíza que leva anos e anos a remexer –entre outros sitios– na trastenda da xestión municipal do PSOE en Lugo, nunha insólita instrución digna de estudo nos congresos internacionais de Dereito Procesual.

"Preocúpalle" o futuro do PSOE. Dío por lle meter un ferrete ao rival, o señor Gómez Besteiro, ao que, si, semella que máis lle valería ir ofrecido de xeonllos á Nosa Señora dos Milagres de Monte Medo ou a outro centro reemisor de bondades celestiais que lle caia máis a man, que a oferta romeira non falta e niso si que somos potencia global.

Mais certa razón ten o señor presidente. O líder socialista acaba de ser imputado, de modo que á súa formación se lle presenta un feo escenario inmediato. El agarda que este mesmo mes o desimputen e todo quede nunha treboada de verán. Pode. De momento, o seu liderado sofre unha grave acometida externa e interna, apenas uns días despois do "affaire" doméstico que rematou coa perda da Deputación de Lugo. O socialismo galego, inestable de seu, non precisa moitas cargas máis para que se reabran feridas, se reaviven loitas e ambicións nunca ben extinguidas e se monte un novo cacao familiar, deses aos que son tan propensos no PSdG.

De resultas, a esquerda moderada que representa o PSdG-PSOE volvería quedar ao pairo, sen o liderado forte preciso para enfrontar cunha mínima solvencia nas urnas a crecida das mareas. Ou non? Ben, xa apareceu nas pantallas o nome do ex ministro José Blanco (si, segue por aí), que conta con influentes apoios mediáticos.

Mais algo terá que dicir o líder local de máis peso político no momento, que non é outro que o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Primeiro, por iso mesmo, por ser o alcalde da maior cidade galega. E segundo, porque conta co aval dunha incontestable e abraiante vitoria electoral, coa que esnaquizou a dereita, as mareas, os nacionalistas e todo canto se lle puxo por diante. Caballero non vai ser candidato (que xa o foi e xa fracasou), pero algo terá que opinar, sen dúbida.

Se o de Besteiro non se pecha axiña cunha desimputación, chegará o momento de mover os seus peóns. Xente como, por exemplo, M.ª José Caride, ex conselleira de Política Territorial, recentemente repescada para o seu equipo municipal. Hai partido.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad