Podemos non libra do etiquetado

22 de diciembre de 2014 (19:37 CET)

O líder de Podemos falou en Barcelona. Moita carga política e non menor dose simbólica. Fíxoo ao día seguinte de que unha nova enquisa o situase como segunda forza española, por diante do PSOE e a moi pouca distancia do Partido Popular. Se dentro dun ano as urnas deparasen un tal reparto de escanos no Congreso, estaríamos, certamente, diante dun tsunami político.

Enténdese ben a preocupación dos uns e dos outros. A dereita e a esquerda. En principio, a presenza no escenario dunha nova forza política na esquerda perxudica á propia esquerda e favorece á dereita. Xa se sabe: divide e vencerás. O sistema electoral penaliza a disgregación do voto.

Luces vermellas de alarma no PSOE. Nervios, presas e, de novo, esa vella e suicida imaxe de falta de unidade pois, só uns meses despois de parir un novo líder, xa lle están segando a herba desde os mesmos despachos socialistas en que o concibiron.

Mentres, Izquierda Unida, sumida nos propios conflitos internos, ve impotente como os Iglesias-Monedero-Errejón-Bescansa e compañía lles rouban a carteira, o espazo e os votantes. O tempo dirá se a aparición de Podemos afecta ao mapa político non seu conxunto ou, na práctica, só modifica a correlación de forzas esquerdistas.

Había expectación por ver en qué lado da maniquea raia do soberanismo se colocaba Podemos. Porque á forza emerxente na esquerda tampouco lle vai nada ben que, xusto neste momento, a obriguen a se decantar e escoller, sen matices, entre branco e negro. A mesma fenda que desfixo o PSC, que tensa ICV, que acabará coa coalición Convergencia–Unió.

Pablo Iglesias tenta reconducir o seu discurso sobre o eixe dereita/esquerda ou, se se prefire, neoliberalismo/progresismo, e alonxalo da cuestión territorial. Por iso cargou contra a Generalitat que, gobernada pola dereita catalana, impuxo, ela a primera e con máis dureza ca ningúen, unha inxusta austeridade merkeliana para enfrontar a crise.

Coido que o seu esforzo por librar do gran debate catalán non lle vai dar moito resultado. Resulta moi difícil hoxe caer por Cataluña cun discurso que non é nin centralista, nin independentista, pero tampouco representa unha terceira vía. Consignas como a de falar de "país de países" xa estaban inventadas hai moito tempo.

Con poucas opcións de saír vitorioso do envite, Iglesias procura fuxir do encasillamento a golpe de retórica escapista. Hai unha raia trazada no chan e seica ninguén é quen de esquivar esa liña de etiquetaxe. Tampouco Podemos, unha forza á que, a día de hoxe, as enquisas só lle dan 10/11 escanos no fragmentado Parlament (sobre un total de 135), pero segue a subir no escenario estatal.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad