Outra comparativa demoledora

29 de abril de 2015 (16:41 CET)

O mes pasado presentabamos a comparativa do PIB e do emprego entre Galicia e España correspondente ao exercicio 2014. Naquel artigo comprobamos a alarmante evolución da economía galega malia o contexto estatal con certos signos positivos. A fin de completar a análise, faremos algo sempre recomendable en economía: expandir o período de observación.

Así pois, colleremos agora os dous últimos quinquenios co cal identificamos os resultados da xestión do goberno popular de Núñez Feijóo e os do anterior executivo galego formado por socialistas e nacionalistas. Tomaremos pois as cifras a decembro de 2004, 2009 e 2014; o período 2004-2009 corresponde ao goberno bipartito mentres que o 2009-2014 incumbe ao PP. A comparativa máis significativa, como semella incuestionable na conxuntura actual, atinxirá as variables de creación de emprego (afiliados á Seguridade Social) e taxa de paro. Estas son as cifras:



Como se pode apreciar no cadro anterior, durante o goberno bipartito, o emprego en Galicia gañou 0,09 puntos respecto ao total español mentres que durante o goberno popular o seu peso diminuíu en 0,22 puntos.

Vexamos agora a comparativa da taxa de paro:



A comparativa respecto da taxa de desemprego revélase aínda máis demoledora. Durante o goberno bipartito, o diferencial de desemprego de Galicia vs España pasou de ser desfavorable en 1,97 puntos a ser netamente favorable ao final do período, 5,86 puntos por debaixo da media estatal. Sen embargo, durante o goberno popular, Galicia perdeu boa parte dese diferencial que se reduciu ata 2,80 puntos.

Os fríos números anteriores pintan un país estancado que perde incluso o tren da feble recuperación que marca o conxunto estatal. Mesmo indo máis ao miúdo, obsérvase que son a construción e o gasto público os sectores cunha contribución positiva en Galicia mentres que agro, industria e servizos amosan un retroceso continuo e sen paliativos. Mais alén das cifras, a realidade demostra a falta absoluta de oportunidades para a mocidade cuxa única opción é a emigración. Galicia precisa un cambio drástico, un revulsivo, unha auténtica transformación da man das forzas motrices que debuxarán o futuro económico en Europa. Iso ou a permanencia no actual estado de desidia e autocompracencia.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad