O problema da disciplina no PSdeG

stop

 

11 de julio de 2016 (12:57 CET)

Agora que embocamos unhas eleccións galegas, deberían as múltiples esquerdas autóctonas aprender ben a lección que lles acaba de dar o Partido Popular. Deberan tomar nota da habilidade coa que xoga a dereita cando a apremia enfrontarse á crise social e política na que andamos a bracear estes últimos anos: cohesión interna, unidade, mensaxes nítidas e pragmatismo.

Coido que non se precisa demasiado estilismo analítico para albiscar os eixes en que Núñez Feijoo vai chantar –en realidade, leva tempo chantándoos– a sua estratexia para coronarse no grand slam do outono cunha maioría absoluta. Abonda con empaquetar ben a súa oferta de estabilidade, proxecto compartido e previsibilidade e contrapoñelo coas divisións, coas incertezas, coas abstracións, coa frouxidade e co amateurismo das esquerdas variopintas, fragmentadas e aínda en proceso de recomposición.

Mais, á espera de que o conglomerado Podemos/Anova/Esquerda Unida/Mareas remate o seu casting de líder, programa e organización e mentres o PP avanza triunfante, confiado en que non lle van pasar factura as súas políticas de rebarbadora, cómpre preguntarse polo estado de revista do outro actor da esquerda. Hai pulso na leira socialdemócrata?

O PSdeG-PSOE xa ten candidato. Descoñecido para o gran público votante, mais un bo candidato. Igual que sucedeu nos comicios xerais, os socialistas van ter complicado facerse espazo nunha campaña polarizada. Van ter que mobilizar ben o seu aparato, programar unha urxente campaña de imaxe de Leiceaga e ser quen de que a opinión pública perciba que a socialdemocracia ofrece unha alternativa clara á liña política neoliberal da dereita gobernante e diferenciada da empanada comunista/ altermundista/ socialdemócrata/ nacionalista/ centralista/ municipalista da súa esquerda. Un magma informe que precisa aínda moita rodaxe para se aclarar e para se asentar.

A socialdemocracia galega, como a española e a europea en xeral, sofre un problema de espazo e de proxecto, desencadeado pola crise. Desde hai anos, moitos sociólogos e politólogos de relumbrón veñen advertindo da perda de pulso da socialdemocracia, o modelo político institucional pai do estado do benestar. Semella non ser quen de se liberar do control que os grandes poderes financeiros e económicos, de carácter global, exercen sobre estados e organizacións supranacionais. O seu discurso dilúese cara a dereita ata se confundir con ela e cos intereses das clases dominantes antigas ou modernas, locais ou globais.

Obviamente, non está nas mans do PsdeG nin de Leiceaga un cambio de rumbo. Pero sí que pode contribuír a facelo, con identidade propia desde o marco político galego.

Sen embargo, os socialistas galegos teñen un problema máis urxente e, por certo, tamén compartido cos compañeiros doutros territorios do Estado. Chámase disciplina de partido. Non pasan tres semanas sen que alguén, desde algún poleiro de Galicia, dane a imaxe e a cohesión do partido cunha saída de ton. Por personalismo, por curta visión, por egocentrismo ou por liortas de parroquia. O caso é que desde as fileiras do PSdeG demóstrase unha insólita facilidade para tirar pedras sobre o propio tellado, par abrir fendas, para desgastar o líder, mesmo ao día seguinte de o elixir por votación directa.

Por se non abondase, ante calquera discrepancia, grande, pequecha ou doméstica, o primeiro que fai un socialista galego discrepante e ir ao lavadoiro público e contalo urbi et orbi. Nada de centrifugar na casa, non vai quedar o inimigo sen munición.

O PSdeG ten un problema de disciplina. Un problema de cohesión interna e de compromiso militante. Un problema de lealdade co líder electo e de disciplina orgánica, sobre todo cando se entra en tempo electoral. E con esa eiva resulta imposible enfrontar con éxito unhas eleccións moi difíciles para os socialistas galegos ou, chegado o caso, liderar unha alternativa de esquerdas no Parlamento.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad