O portarretratos de Feijóo

O portarretratos de Feijóo

Dicía Montgomery, mariscal británico da II Guerra Mundial, que un xeneral sempre debe tratar de coñecer a mentalidade do seu principal opoñente. Por iso el sempre tiña a man unha foto do seu gran rival, o xeneral alemán Erwin Rommel. “Eu –argumentaba Montgomery– adoitaba estudar o seu rostro, por se podía sondar a súa probable reacción diante de calquera acción miña”.

Poderiamos preguntarnos que foto ten o presidente Feijóo no seu ben amoblado paciño de Monte Pío. Que dirixente encarna a oposición ás políticas que aplica Feijóo? Con, ou contra quen se mide no debate ideolóxico? Quen lle canta as verdades do barqueiro? A que adversario teme, se é que teme algún? Quen lle afea os seus incumprimentos e os seus fracasos?

Se cadra Feijóo mercou o marco montgomeriano (cando menos virtual), mais custa traballo crer que chegase a lle incorporar a imaxe de alguén.

Porque mentres o presidente da Xunta exerce un liderado incuestionado no Partido Popular e, xa que logo, no centro-dereita galego, na bancada oposta non emerxe unha réplica que estea á altura das circunstancias. O máximo dirixente socialista, Gómez Besteiro, non é deputado, como tampouco a faciana visible do BNG, Xavier Vence. Sen dúbida, trátase dun obstáculo importante. Ambos acreditan prestixio persoal, pero mentres Besteiro se enreda nas liortas internas, Vence encabeza un nacionalismo radicalizado e hipnotizado por un proceso catalán de imposible tradución galaica.

Con Beiras facendo un progresivo mutis da escena política, Anova maréase no seu propio labirinto e Esquerda Unida só ofrece o destemperado e barulleiro protagonismo de Yolanda Díaz.

A esquerda está cada vez máis fragmentada en forzas dispersas e inoportunamente axitadas por mareas máis ou menos vivas e por novas organizacións emerxentes. Non se lle pode negar pluralidade á esquerda, non.

Feijoo reina placidamente na dereita e aínda se permite a habilidade --talvez sincera-- de revestirse con roupaxes centristas e desmarcarse de cando en vez da ultraortodoxia conservadora imperante en Madrid.

Na división da esquerda radica a súa comodidade aos mandos da política galega. Non ten foto para seguir o exemplo de Montgomery. Tampouco lle fai falta. Por iso os debates parlamentarios deviron en aburrido trámite, salferido, como moito, dun par de encontronazos chocalleiros.Este artículo no refleja necesariamente la opinión del consejo editorial o de Economía Digital y sus accionistas.

Federico Cocho

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad