O plumeiro de Rajoy

04 de julio de 2014 (10:34 CET)

Garda unha comprensible lóxica que o Partido Popular pretenda modificar a lexislación electoral para que sexa alcalde o cabeza da lista máis votada. A mesma comprensible lóxica coa que partidos, frontes e outras agrupacións da esquerda fragmentada se opoñen a semellante proposta.

Ten razón o PSOE cando lle reprocha aos populares sacar esta proposta a uns meses vista das elección municipais e por puro interese partidario. As eleccións europeas confirmaron o cabreo de centos de miles de votantes tradicionais do PP (e do PSOE tamén, claro). Ese malestar vaise proxectar tamén nos comicios locais e cómpre ir pensando como enfrontalo.

Así é que, baixo o hipócrita pretexto da rexeneración democrática (manda truco), preténdese convencer á opinión pública de que o verdadeiramente democrático é deixar que goberne a lista máis votada, aínda que esta represente un sector minoritario no cómputo global dos votos.

Rajoy, achegando unha desas perlas de pensamento político avanzado tan súas, sostén que “non pode ser” que as coalicións entre partidos impidan que sexan alcaldes “quen foron elixidos polos cidadáns”. Aparente verdade, falsidade política. A formación de coalicións para gobernar forma parte da cultura política habitual nas democracias de referencia. Ata tal punto que nestes momentos goberna Alemaña unha coalición de conservadores e socialdemócratas baixo presidencia de Merkel.

Os cidadáns elixen os seus representantes municipais, que son concelleiros. Se unha formación non ten a maioría absoluta e outras dúas (ou tres) a conseguen sumando concelleiros, a súa lexitimidade é incuestionable. Ou é máis lexítimo un alcalde respaldado polo 40% do electorado que outro que ten detrás o 30% dos votantes dun partido máis o 25% doutro?

O voto da dereita galega agrúpase con solidez arredor das siglas do PP
. O da esquerda, que durante anos se repartiron PSOE, BNG e, a distancia, IU, fragméntase aínda máis coa aparición de Anova e de Podemos. Isto é: en caso de que o Partido Popular non obteña a maioría nun concello, a esquerda necesita coligarse para gobernar. Ou, se prefire, pode gobernar coligándose.

A gran vantaxe do Partido Popular como forza hexemónica no centro dereita vólvese contra ela agora que lle vai pasar factura o desgaste polo exercicio dun poder tan abrasivo para o cidadán de a pé. Onde perda a maioría absoluta non vai ter socios dos que botar man para se asociar.

Por iso quere modificar a lexislación electoral ao seu gusto e conveniencia. As cidades galegas ofrecen un bo exemplo. Posiblemente o PP volva ser a lista máis votada, pero sen maioría absoluta. Se se muda a lei, podería gobernar en todas as urbes de Galicia. Coa lexislación actual, queda aberta a porta a que as coalicións da esquerda (ben difíciles, por certo) o deixen fóra en todas elas.

A rexeneración democrática é outra cousa máis fonda e menos interesada que esta serpe de verán cun plumeiro tan visible.
Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad