Imagen de la Catedral de Santiago de Compostela

O día da Galicia real e soñada

A nosa historia tennos ensinado que o diverso enriquece e o uniforme asfixia a creatividade, levándonos polo camiño do esmorecemento

Noutros tempos, o Día de Galicia servía para debuxar soños que parecían imposibles. Soños de liberdade, progreso e convivencia democrática que entón eran desmentidos pola realidade. O 25 de xullo supoñía soamente unha breve paréntese que permitía imaxinar un país diferente ao do día 24, e distinto ao do 26. A desproporción entre esa Galicia soñada que se resumía nunha xornada excepcional e a tristemente real que se vivía o resto do ano era abismal.

Nestes tempos, no Día de Galicia tamén soñamos, pero coa certeza de que a maioría deses soños son factibles. Para eles non existen máis límites que os que estableza a nosa vontade, porque cada ano que pasa o noso país supera marcas, se afianza en todos os ámbitos e mostra unha admirable confianza en si mesmo. Os últimos anos de crise e posterior recuperación son unha proba palpable diso. Hai tempo que quedou atrás a idea da resignación e agora tampouco nos deixamos engaiolar polo conformismo. Cada meta lograda é un punto de partida para a seguinte. A imaxe que ofrece Galicia é a dun pobo en marcha no que cada galego é insubstituíble.

Por iso, o 25 de xullo non é un fito extraordinario que sirva para esquecer os desacougos de onte ou as frustracións de mañá. Os galegos saben que as conmemoracións deste día grande se repiten doutro xeito os demais días do ano. As palabras que se pronuncian o Día de Galicia, as declaracións que se fan e os propósitos que se expresan, son a tradución do traballo cotián dos galegos.

Se celebramos o noso autogoberno é porque a nosa Autonomía está consolidada, grazas, en boa medida, ao traballo de pioneiros como o recentemente finado Xerardo Fernández Albor. Se louvamos a unidade é porque a unidade esencial do país non é unha ilusión, senón algo patente cada día. Se subliñamos a liberdade é porque Galicia forma parte do coro das comunidades máis libres do mundo. Se desfrutamos do benestar da nosa sociedade, débese a que construímos entre todos unha comunidade con servizos públicos eficientes e un espírito solidario con poucos parangóns.

En suma, o 25 de xullo é un compendio de tantas e tantas festas populares que marcan o ritmo vital da nosa terra. Nelas hai afectos que se recuperan ou fortalecen, unha rica diversidade e un talante hospitalario que fai que se reciba con entusiasmo a todo o que queira participar. A palabra “alleo” non se pronuncia e nunca se manifesta de maneira tan rotunda esa facultade descrita por Álvaro Cunqueiro de “anosar”. Galicia fíxose “anosando” experiencias propias, pero tamén as que viñeron polo Camiño de Santiago e ségueo facendo no mundo globalizado no que nos toca vivir, pensar e traballar.

Nos moitos días de Galicia que os galegos celebramos nas nosas cidades, vilas e aldeas, a diversidade non é impedimento para que a ledicia sexa común. Non existe unha galeguidade uniforme, nin un patrón único para distinguir os “bos” e “malos” galegos. A devoción polo noso país pode expresarse de moitas maneiras, e a participación na tarefa incesante de engrandecelo admite múltiples fórmulas. A nosa historia tennos ensinado que o diverso enriquece e o uniforme asfixia a creatividade, levándonos polo camiño do esmorecemento.

Galicia non esmorece porque é múltiple, ten soños reais e conserva a súa cohesión. Así como noutros tempos o Día de Galicia era unha evasión da crúa realidade, hoxe supón unha reafirmación do que somos. Non soamente é fermoso o país que celebramos o 25 de xullo, senón tamén o do 24 e o 26. Todos os días do ano as galegas e os galegos construímos a realidade soñada.

Bo Día de Galicia

Este artículo no refleja necesariamente la opinión del consejo editorial o de Economía Digital y sus accionistas.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente da Xunta de Galicia

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad