O balance dun goberno

06 de septiembre de 2016 (19:53 CET)

No anterior artigo que publicabamos en Economía Digital, O emprego con Feijoo, amosábamos os datos en torno ao emprego en Galicia os cales demostraban o descomunal fracaso da Xunta popular dende que Núñez Feijoo se fixera co goberno. Buscando unha perspectiva neutral, manexamos cifras relativas respecto á media española que comparaban a evolución durante as dúas últimas lexislaturas.

Estes eran os números máis significativos extraídos da última enquisa da EPA:

- En España aumentaran os parados un 15,7% por un 36,7% en Galicia

- A poboación ocupada caeu un 11,4% en Galicia por un 5,9% en España

- A poboación activa en Galicia descendeu un 5,4% polo 2% do dato español

Como sinalabamos, tales cifras non deixaban espazo para a discusión. Agora que acaba de rematar a lexislatura, engadimos un dato que complementa a análise e que confirma ese devalo continuado que está sufrindo Galicia e que a condena á progresiva e semella que imparable marxinalidade.

A poboación representa a síntese indiscutible da evolución dun país e visibiliza a súa puxanza ou a súa depresión. Os países dinámicos e con expectativas de progreso, ven aumentar as súas variables demográficas mentres que as economías regresivas padecen a perda de habitantes. Pois ben, o panorama para Galicia resulta brutal. Atendan:

Entre 2009 e 2016, a poboación española aumentou en 199.151 persoas o que supón un incremento do 0,43%. Con esa mesma referencia temporal, e sempre segundo cifras do INE, a poboación en Galicia diminuíu en 46.806 persoas, unha redución do 1,69%.

Somos incapaces de reaccionar, de romper esta vaga de autoeliminación. Se tomamos a serie completa, que empeza o 1/1/2002, vemos cómo Galicia pasou de representar un 6,57% da poboación española ata o 5,86% actual mentres que Madrid evolucionou do 13,35% ao 13,85% e Cataluña do 15,55% ao 15,94%. Galicia perde no intervalo 71 puntos porcentuais mentres Madrid gaña 50 e Cataluña 39. Esa é a tendencia.

O goberno Feijoo non fixo nada para invertela: non captou proxectos de investimento nin mobilizou o uso dos capitais privados dispoñibles, non promoveu iniciativas empresarias, non explorou os sectores de futuro que substitúan a perda de peso da construción, non alentou o crecemento das unidades produtivas, asistiu impasible á perda de referentes corporativos galegos, rexeitou contribuír ao crecemento do movemento cooperativo, mantívose alleo á promoción da chamada bioeconomía, continuou a súa política de abandono do rural, proseguiu a facilitar a invasión xa endémica do eucalipto evitando o progreso e desenvolvemento dos sectores agrogandeiro e forestal autóctono, tampouco non abordou a penetración do produto galego nos mercados españois (chegou a lanzar unha campaña para consumir produtos españois en Galicia!!!) e nos mercados internacionais alén de Inditex e Citröen, etc.

A falta dunha política de desenvolvemento e progreso económico a partir de forzas motrices endóxenas potenciadas polos poderes públicos derivou na continuidade dunha inercia que conduce a súa miniaturización empresarial e xa que logo á desertización do país por falta de oportunidades de emprego cualificado. Están a piques de convocarse novas eleccións galegas nas que, esperemos, estas cuestiones esenciais supoñan unha parte crucial do debate.
Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad