Na hora crítica do BNG e do nacionalismo 

15 de mayo de 2015 (23:17 CET)

Galicia conta con escasos concellos gobernados polo BNG. Mais, en xeral, son concellos exemplares, mesmo referentes do que pode ser unha boa xestión municipal en distintas escalas demográficas: concellos grandes (Pontevedra), concellos intermedios (Carballo) ou concellos pequenos (Allariz). Indistintamente da verdadeira composición ideolóxica dos seus padróns, o certo é que os seus alcaldes contan co apoio maioritario e co recoñecemento da poboación.

Ata que o domingo 24 as urnas falen definitivamente, non se pode dicir nada con rotundidade, porque ás veces as previsións demoscópicas – como acabamos de comprobar no Reino Unido– fallan. Mais todo apunta a que, en conxunto, o nacionalismo de esquerdas (o BNG) vai dar un importante paso atrás. Mesmo a súa presenza non está asegurada en concellos como os de Ferrol, Ourense ou A Coruña, onde no seu día liderou ou formou parte do goberno local.

Agás excepcións como as mencionadas, o BNG está en fase de grave retroceso. Pode que os seus dirixentes culpen o fenómeno recente das mareas como unha causa clave na "traizón" do seu electorado de noutrora. Sen dúbida a emerxencia (o tempo dirá se espumosa ou non) de Podemos, Mareas e asimilados pesa o seu neste momento, porque, mal que lle pese á formación nacionalista, o volátil e versátil electorado cabreado está, desta vez, polas novidades.

De tal xeito que si, que é certo que hai unha certa compoñente de frivolidade electoral que prexudica o Bloque, como lle ocorre a Izquierda Unida no ámbito estatal. Cando a lóxica facía prever que o electorado progresista indignado se decantaría por eles, a realidade móstralles unha faciana cruel. É como se os/as votantes os culpasen dunhas medidas políticas e económicas ás que eles foron os primeiros en se enfrontar abertamente.

Mais cómpre non se enganar. A mala hora do nacionalismo, en xeral, e do BNG, en particular, vén de antes da crise. Tamén de antes da crise interna que se pechou coa marcha de Beiras. Os galegos vanlle dando as costas ao nacionalismo? O nacionalismo dalle as costas á sociedade galega?

O paso do tempo non arranxou a anomalía do mapa político galego, onde non acabou de agromar unha dereita ou centro-dereita nacionalista. E da fractura do BNG naceu, hai pouco, Compromiso por Galicia, con posibilidades teóricas de ocupar o espazo do centro-esquerda ou da esquerda galeguista socialdemócrata. Semella que hai unha enorme bolsa de voto galeguista á espera dunha forza desas características.

No actual contexto, coa cidadanía reclamando unidade da esquerda no fundamental, o Bloque, moi temeroso da perda de identidade, optou pola vía solitaria, fortemente cohesionado e atrincheirado na defensa do soberanismo como única vía posible para resolver os problemas do país. O camiño é lexítimo e coherente, mais sospeito que non leva a ningures. Entre outras cousas, porque Galicia non é Cataluña e o sentimento independentista ten, evidentemente, moi pouco arraigamento. E desde a minoría testemuñal, poucas opcións hai de transformar a realidade, xa o din os clásicos.

Horas críticas para o nacionalismo, pois. Malo para Galicia que, sen nacionalismo conservador e nacionalismo progresista sólidos, adoece dun mapa político coxo. Malo para Galicia, que tamén necesita enerxía política para defender a súa cultura, a súa identidade e a súa lingua en tempos globais e neoliberais moi críticos.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad