Marea decepción

26 de febrero de 2016 (18:22 CET)

A formación da candidatura de En Marea nas últimas eleccións ao Parlamento español supuxo un estímulo ilusionante para moitos galegos que viron na candidatura de confluencia unha ocasión para acadar grupo parlamentario galego no Congreso por primeira vez na historia, o que implicaba, iso se esperaba, unha ocasión excepcional para influír na política española a prol dos intereses de Galicia. Os magníficos resultados obtidos confirmaron as expectativas creadas e unha boa parte da cidadanía depositou a súa confianza no labor dos seis deputados elixidos. Polo visto ata agora, temo que dita confianza está sendo frustrada severamente.

En primeiro lugar, pola incapacidade de conformar grupo parlamentario. Esa fora a aposta e a promesa, repetida constantemente nas distintas canles de comunicación electoral. Unha promesa que se viu frustrada por un regulamento que se debería ter analizado con maior rigor e asepsia. A conformación dun grupo propio sería posible unicamente cunha interpretación xenerosa por parte da Mesa do Congreso, o cal non se deu. Botar a culpa aos partidos maioritarios non é xusto: a culpa recae en quen deu por feito un caso hipotético. Moitos sentíronse enganados, e con razón.

O segundo motivo de decepción procede do ninguneo por parte da dirección de Podemos cara ao "grupo" galego, o cal confirma o nesgo centralista do partido de Iglesias, Errejón e a compostelá Bescansa, así coma o escaso peso de En Marea no conxunto da formación. Non é so que o documento de propostas de Podemos para un acordo de goberno co PSOE ignorara a Galicia, que non foi tida en conta en ningún dos puntos recollidos nas 98 páxinas, senón que as explicacións para xustificar a exclusión amosaron o grao de submisión dos parlamentarios galegos á postura central.

Porén, o máis grave motivo de preocupación cara ao papel de En Marea nesta lexislatura chega da súa actuación respecto da posible investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno español. O grupo galego esforzouse por amosar unha presenza propia, pero fíxoo con escasa convición, exiguo contido e continua precipitación. Os cinco puntos que presentou como requirimentos necesarios para apoiar a investidura demostran a improvisación dos parlamentarios galegos. En Marea non se constituíu co obxecto de amañar este ou aquel problema senón para iniciar un período de transformación do país a partir dun novo modelo económico e social. Iso é o que Galicia necesita e o que moitos levan / levamos agardando da acción política galega.

Está moi ben reclamar a derrogación da prórroga concedida a ENCE (por suposto!), ou a actuación no sectores lácteo, naval e do cerco, xaora!, pero de ningunha maneira poden ser esas condicións suficientes para apoiar un goberno español. En Marea debe dispoñer dun ambicioso programa de transformación económica de Galicia que modernice a súa estrutura produtiva e o seu tecido empresarial. Deste xeito propiciarase a actividade necesaria para xerar os postos de traballo cualificado que os cidadáns galegos precisan co fin de desenvolver a súa profesión dentro do país.

O acordo entre PSOE e Ciudadanos recolle un feixe de iniciativas e medidas que van na dirección que a economía galega precisa para superar as súas eivas. O compromiso de que tales medidas sexan aplicadas en Galicia con carácter prioritario no tempo e preferente nas contías sería un motivo transcendente para apoiar un posible goberno de Pedro Sánchez. Falamos do investimento público en I D i, do plan de estímulo ao emprendedor e á actividade das PEMES, dunha rede de transferencia tecnolóxica, de fondos de investimento de capital mixto, dun novo plan de transformación dixital, de medidas para aumentar a dimensión empresarial, dunha nova política contra o cambio climático que ha provocar múltiples iniciativas con potencial de xeración de riqueza e emprego, do impulso ao ferrocarril de proximidade tan necesario por estes lares, dunha nova regulación sobre o subministro eléctrico, dun plan de rehabilitación sostible de edificios e rexeneración urbana, de accións sobre o forestal, a biodiversidade (urxen as restricións para o eucalipto!) costas e espazos mariños, plans de fomento do emprego, implantación do Plan Jünker, etc.

Hai contido de máxima relevancia para que En Marea aborde unha negociación seria e profunda co PSOE na cal faga prevalecer os intereses dun país, Galicia, que precisa da acción decidida dos gobernos con competencias na súa economía: o europeo, o español e o galego. As coalicións electorais que se conformen en cada ámbito han partir dunha posición común: Galicia precisa un novo modelo económico e social e, xa que logo, haberán apoiar os executivos dispostos a abordar ese proxecto indispensable para o noso porvir.
Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad