Camión de Estrella Galicia en la fábrica del polígono de A Grela (A Coruña)

Galicia ten a súa estrela

stop

Estrella Galicia demostra que é posible medrar, innovar, diversificar e expandirse a partir dos recursos e os valores propios do país

Marcelino Fernández Mallo

Camión de Estrella Galicia en la fábrica del polígono de A Grela (A Coruña)

en A Coruña, 04 de enero de 2018 (21:48 CET)

Estrella Galicia foi novamente protagonista do Nadal. Igual ca anos anteriores, lanzou una cervexa dedicada a este tempo sempre destacado no calendario; como novidade, a Estrella de Navidad podería adquirirse a través de Amazon. A empresa de Seattle está a transformar a distribución no mundo. Dentro de pouco, haberá que engadir Amazon ás canles tradicionais de tendas, supermercados, hipermercados e HORECA. Estrella Galicia deu o primeiro paso nese sentido.

A cervexeira do Grupo Hijos de Rivera é máis ca unha empresa de bebidas. Para Galicia representa un motivo de orgullo e identidade, algo que implica un valor fundamental nun país tan orfo de referencias válidas. Cando a nova xeración da familia Rivera tomou as rédeas do Grupo, pediu consello a unha consultora a cal recomendou tirar o nome de Galicia fóra da marca comercial das súas cervexas. A resposta foi contundente: Galicia constituirá unha parte esencial da marca como constatación da calidade e prestixio dos produtos. Os resultados confirman o acerto da decisión.

Cando a nova xeración da familia Rivera tomou as rédeas do Grupo, unha consultora recomendoulles tirar o nome de Galicia fóra da marca comercial

En 2016, a produción de cervexa achegouse aos 250 millóns de litros o que representou un crecemento superior ao 120% respecto a 2010. Neste tempo, a compañía foi enriquecendo con grande éxito o seu catálogo de cervexa. Abonda con subliñar que a familia 1906 (1906, Red Vintage e Black Coupage) foi galardoada con dúas Medallas d’Ouro no World Beer Challenge 2016. Anteriormente xa fora distinguida en premios de elevado prestixio internacional coma Monde Selection, os ITQI (International Taste & Quality Institute) ou os International Brewery Awards.  

Diversificación e Expansión

Ademais, o Grupo envasou para as súas tres marcas de auga mineral (Cabreiroá, Agua de Cuevas e Fontarel) preto de 160 millóns de litros de auga. Este dato ilustra un dos principais piares do desenvolvemento do Grupo: a diversificación. A Corporación Hijos de Rivera produce e comercializa xa máis de cen artigos pertencentes aos sectores da cervexa, auga, zumes, sidras, vinagres e licores; entre as súas actividades, inclúe tamén servizos varios coma hostalería ou deseño. A facturación total de Grupo en 2017 pode erguerse ata os 450 millóns de euros (408 mm en 2016).

A expansión comercial constitúe outro dos eixos da estratexia da Compañía. Ademais da posición de hexemonía indiscutible que ostenta en Galicia, Estrella Galicia acadou unha cota de mercado salientable en mercados tan difíciles coma Madrid ou Barcelona onde é común atopar as súas cervexas nos andeis dos supermercados e así mesmo nas cartas de restaurantes e demais locais de restauración. O Grupo conta outrosí con filiais en países de grande potencial de consumo coma Estados Unidos, China, Brasil ou Xapón, e está presente en 54 países, 7 deles africanos. Os mercados foráneos supoñen arredor dun 10% da facturación de Estrella Galicia e as previsións estiman un notable incremento desta cifra nos vindeiros anos.

O valor das orixes

Un terceiro piar estratéxico das empresas de Hijos de Rivera descansa no valor da tradición e as orixes. A anécdota relatada ao inicio deste artigo exprésao dun xeito contundente. As palabras veñen confirmadas polos feitos. A estrutura directa do Grupo ao completo está radicada en Galicia. Unha parte salientable das materias primas –o lúpulo, as uvas, as mazás– proceden de explotacións galegas. En termos de comunicación e marketing, apóstase polo idioma propio e por lemas e mensaxes entendibles en clave de país. Este conxunto de factores explican en certa medida esa identificación xenuína dos produtos co consumidor galego e serven como elemento diferenciador no resto de mercados.

Galicia está falta de referencias, de fachos iluminadores, de estrelas que marquen a senda. Velaí a transcendencia e significado do que está a facer o Grupo Hijos de Rivera. Penso na posibilidade de crear unha sorte de “Aula Estrella Galicia” onde se comparta a experiencia acumulada nestes anos, onde se demostre que é posible medrar, innovar, diversificar e expandirse a partir dos recursos e os valores propios do país, onde se fomente a colaboración e onde se estimule o progreso dunha economía que, ano tras ano, segue enviando á emigración os seus traballadores novos.

Velaquí unha proposta e un propósito para 2018. 

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad