Impotente Feijóo

16 de marzo de 2015 (23:18 CET)

Cando recuperou a Xunta para o PP alá polo ano 2009, gastaba sona de bo xestor. É curioso como un pode acadar unha fama determinada a partir de fotografías e declaracións. Durante os primeiros anos de mandato, responsabilizou ó bipartito anterior dos seus malos resultados mais a medida que os exercicios se van cumprindo, esgótanselle as escusas. E agora xa non sabe que argumentos utilizar. Pásalle como coa sanidade: cando os hospitais se lle colapsan, bótalle a culpa aos "picos da gripe" ou ás "roturas de cadeira". Isto un presidente de goberno, e con sona de bo xestor.

Están dispoñibles no INE e máis no IGE as cifras básicas de comportamento económico de 2014. En termos xerais, demostran unha evolución con discutibles signos positivos para a economía española, fronte ó afundimento da economía galega na sima do estancamento. En termos concretos, compróbase que Galicia presenta unha aguda posición desfavorable en case tódalas variables.

Empezamos polo lado da demanda: o consumo privado medra un 2,4% en España por un 0,9% en Galicia; o investimento (formación bruta do capital) crece un 3,4% en España por un 2,0% en Galicia; as exportacións aumentan un 4,2% en España e un 0,7% en Galicia; o gasto público, un 0,1% en España por un 1,5% negativo en Galicia. Sería esaxerado falar de catástrofe? Tras seis anos de crise, eu coido que non.

Vexamos agora a oferta: o valor engadido bruto (VEB) do sector agrogandeiro medrou en España un 3,3% por un 0,4% en Galicia, dato este especialmente representativo da inoperancia da política económica da Xunta do PP; o VEB da industria creceu un 1,5% en España mentres que en Galicia decreceu un 1,6%, novo dato que cuestiona duramente a "estratexia" do goberno galego; a construción incrementa a súa produción en Galicia un 0,5% mentres en España segue reducíndose, o ano pasado un 1,2%; e finalmente o sector servizos presenta unha evolución similar, 1,6% de crecemento para España por un 1,7% en Galicia.

Como valor de síntese, velaí temos que no ano 2014, a economía española medrou máis do triplo do que creceu a economía galega, aquela un 1,4% por o 0,4% desta. Como é doado de prever, o distinto ritmo púxose de manifesto outrosí nas cifras de emprego. En España, os traballadores ocupados aumentaron un 2,5%, os activos (dispostos a traballar) reducíronse un 0,2%, mentres a taxa de actividade diminuía 0,09 puntos, do 59,86 ao 59,77%. En Galicia, os ocupados caeron un 0,3%, os activos un 1,6% e a taxa de actividade, xa máis baixa ca española, reduciuse en 0,5 puntos, do 53,99 ao 53,47%. A comparación antóllasenos durísima.

E que di o presidente galego ante semellante hemorraxia de datos nefastos para a súa xestión? Pois que o problema localízase no automóbil e na construción naval, xustamente os sectores nos cales o seu goberno concentrou a súa actuación. O dito: impotente Feijóo.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad