Puente Romano de Ourense y Puente del Milenio de Ourense

Galicia somos todos

A festividade do 25 de xullo tamén nos debería facer ver se na nosa Galicia imos todos ao mesmo ritmo

Pois claro que si. Sentirse galego é un sentimento e ser galego un orgullo. Equivócanse, unha vez máis, os que queren facer ver a festividade do 25 de xullo como un evento nacionalista-separatista, alá eles e o seu sectarismo. Pero tamén digo que Galicia somos todos porque existe unha provincia (deixada das mans das administracións públicas) chamada Ourense, que tamén forma parte da comunidade autónoma histórica de Galicia. E que a data do 25-X, á parte da festividade que representa, tamén nos debería servir para reflexionar e ver se na nosa Galicia imos todos ao mesmo ritmo.

Polo que facendo un simple exercicio comparativo entre a media galega e o noso Ourense nuns poucos indicadores como ingresos medios mensuais por fogar, taxa de risco de pobreza ou exclusión social, grao de dificultade para chegar a fin de mes, creación de novas actividades económicas, produción industrial, renda per capita, taxa de actividade, dinamismo agropecuario, infraestruturas e comunicacións, por exemplo, comprobamos que existe un abismo entre nós e a media do conxunto da comunidade. Abonda contrastalo nas cifras oficiais ofrecidas polas mesmas administracións que nos obvian en todo --menos en ofrecernos estatísticas--.

Reflicten nidiamente a situación de debilidade e precariedade da nosa provincia. Pero hai máis. Ourense xa é a única cidade sen plan xeral de ordenación urbana das sete grandes cidades de Galicia. A aprobación parcial inicial a semana anterior do instrumento de Ordenación Provisional da área de Vigo permitiralle desenvolver urbanísticamente un 24% do seu termo municipal. Recupera desta maneria 23 millóns de metros cadrados, o que ascenderá a un 38% unido aos plans especiais aprobados anteriormente no Casco Vello e Bouzas.

Que significa isto? Pois que Vigo e a súa área están chamados a ser o motor económico e industrial de Galicia, como contrapeso á puxante Oporto. Unha boa nova. E que máis significa? Pois que moitos investidores e investimentos van aterrar en Vigo nos próximos meses dinamizando aínda máis a súa economía e creando novos empregos.

E que significa para a nosa cidade, Ourense? Pois que serán numerosas as empresas do sector residencial e comercial (arquitectos, arquitectos técnicos, topógrafos, promotores, inmobiliarios, encofradores, electricistas, escaiolistas, fontaneiros, calefactores, serradoiros de pedra, carpinterías metálicas e de madeira, materiais de construción...) que se deslocalicen á área metropolitana de Vigo na busca da carga de traballo que a inseguridade xurídica urbanística non permite en Ourense.

A miña conclusión? Que gran cidade a nosa e que enorme capacidade de tolerancia e aguante temos os ourensáns e ourensás. Aínda que a miña hai tempo que finou ante tanta incompetencia manifesta. Feliz día de Galicia a todos e todas e en especial aos que están fóra da nosa terra.

Este artículo no refleja necesariamente la opinión del consejo editorial o de Economía Digital y sus accionistas.

Benito Iglesias

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad