• Síguenos:

Galicia sen pulso

 

Os focos non saen de Madrid. A gran representación non acaba de rematar. Aínda imos ter leria "estatal" para unha temporada. Lóxico. Sempre a formación dun goberno polariza a atención. As circunstancias actuais, cos atrancos aritméticos, vetos, postureos, idas e voltas acaban por descentrar o público das bancadas, mais ninguén deixa de estar atento á pantalla.

O hiperinterés en Madrid e, por suposto, no que vai acontecendo en Cataluña, manteñen en segundo plano a axenda política especificamente galega. E iso que este mesmo ano, dentro duns meses, haberanse renovar o Parlamento e a Xunta.

A estas alturas, por non ter, non temos nin sequera candidatos. Certo que o que pase na política española influirá moitísimo no escenario autóctono, pero, aínda así, non deixa de resultar bastante anómala a situación de Galicia. Nin PP, nin PSOE, nin BNG, nin En Marea, nin Ciudadanos. Estamos descabezados. O Partido Popular é o único con líder indiscutible, mais está por decidirse se Alberto Núñez Feijóo volverá concorrer como candidato a presidente da Xunta ou non. Que sucede?

Non hai unha casuística única para esta sorprendente situación, que reflicte un país de febles estruturas políticas. O PP adoita decidir "por arriba" o seu candidato e está a espera de se Feijóo da ou non da o salto a Madrid. El di que con dous mandatos (os que leva en Santiago) "debe chegar". Debe. Xa se verá. Dependerá de se o PP perde La Moncloa e, en todo caso, de como evolucione a situación interna no seu partido, con un Rajoy xa insostible a día de hoxe.

O PSOE galego vai ir a primarias, pero os problemas xudiciais do seu actual líder, Gómez Besteiro, impiden saber nin sequera se el será un dos concursantes.

O BNG anda en proceso de refundación. Hai indicios de que pode volver sufrir unha escisión ou cando menos unha perda importante de unidades. Mentres, Anova, Podemos, IU e as Mareas manteñen a intención de aproveitar o vento favorable e volver xuntos ás urnas. Xa se verá e, en todo caso, teñen pendente o correspondente "casting" para elixir candidato. Non será fácil.

O foco permanece, si, en Madrid. Iso beneficia a Feijóo, que non acaba de recibir malas noticias. Por moito que se edulcoren, os datos macroeconómicos de Galicia non resisten a comparación cos estatais. Tanto, que mesmo nos costa coller o rebufo da recuperación económica, que non se traduce en postos de traballo nin recuperación salarial.

Por se fose pouco, o previsible mostrario de Feijóo para o caso de ser candidato de novo vai sufrindo duros contratempos. Non podería presumir da construción dun novo hospital en Vigo, porque é un exemplo de negocio ruinoso para as arcas galegas (co que acabaremos pagando en vinte anos facíanse dous hospitais). A conexión mexicana, tan traballada para insuflarlle osíxeno aos estaleiros, desinfla por mor da crise de Pemex. Por moito que vente, o sector eólico non sae dos remuiños xudiciais en que o meteu a propia Xunta. O sector lácteo, tan importante en moitos feudos populares, segue alporizado e moi cabreado cos gobernos central e autonómico. Co PP, daquela.

Panorama espeso para Feijóo. Incerteza política absoluta para Galicia. Un país sen pulso.

Federico Cocho

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad