Galicia en común

Galicia en común

Galicia en común

Aléntase na política galega ventos dunha ilusión que parecía para sempre perdida. Os resultados municipais representaron non so unha grande oportunidade para a renovación duns usos non precisamente virtuosos nos concellos galegos senón tamén unha ocasión para conseguir que os intereses propios do país sexan de vez os que inspiren as estratexias a seguir.

Son moitas as voces que apostan por unha alternativa unitaria que poida alcanzar grupo parlamentario no Congreso ou, cando menos, que dispoña dunha forza relevante á hora das decisións a nivel do Estado. Mesmo puxéronse en marcha varias iniciativas na intención de axudar a marcar o camiño da confluencia. Nesa senda será básico concordar unhas liñas de acción común que haberán incluír, sen dúbida, o factor económico coma un dos eixos críticos.

Á economía galega estánselle esgotando os prazos. Ou ben inicia axiña e con folgos a súa transformación ou ben o País quedará condenado ao plácido marasmo dos terreos baldíos. E para iso cómpre mudar os gobernos que tanto están a condicionar o relanzamento económico, e tamén social, de Galicia. Sen entrarmos en cuestións puramente partidistas, Galicia ten que reaccionar xa, sen novas prórrogas. Veñen dúas eleccións nas cales hai que botar o resto coa idea de conseguir actuar de xeito coordinado dende o goberno central e do executivo autonómico.

Cales serán esas liñas comúns a definir de cara as eleccións xerais? As que poidan colocar o País nas vías do progreso. En primeiro lugar, resulta imprescindible rematar o mapa de infraestruturas con criterios de eficacia. Obxectivos claros de lexislatura haberían ser captar as competencias en materia de portos e aeroportos; arbitrar un sistema de coordinación entre os tres aeroportos que permita a potenciación do tráfico aéreo destino Galicia; contribuír ao aumento da cota de mercado dos portos galegos no tráfico marítimo de mercadorías; avanzar na imprescindible conexión de portos e aeroportos coas principais vías de comunicación terrestre; deseño dun programa de implantación de ferrocarril de proximidade e, en concreto, para a Costa da Morte e a ruta Lugo - Santiago; finalmente, estudar as deficiencias actuais que afectan ao transporte de mercadorías. 

Na política agraria e industrial, haberá que incluír así mesmo unha xeira de transcendentes reclamacións. Racionalización de vez do sector lácteo galego e garantía de prezos e produción mínimos; lanzamento dun plan urxente e poderoso de reprego do eucalipto por debaixo do 30% da súa presenza actual e substitución por especies autóctonas, cultivos agrarios ou pasto dentro dunha ampla estratexia de desenvolvemento do rural; defensa nas instancias europeas da posición de Galicia en materia de pesca e construción naval, principalmente; derrogación de moitas das concesións de minicentrais que afogan os ríos galegos, entre elas a do río Xallas no Ézaro; corrección do sistema de implantación de prezos da enerxía eléctrica para o beneficio das industrias galegas debido á curta distancia entre os lugares de produción e consumo; revisión da lexislación sobre enerxías renovables que recupere a potencialidade económica do vento; defensa do medio, espazos naturais e costa expresamente, para a promoción dun desenvolvemento sustentable; e por último nesta listaxe incompleta, discriminación positiva a prol de Galicia nos programas estatais de I D relacionados cos sectores de maior peso no PIB galego así como naqueles emerxentes cun maior potencial.

Poñer en práctica este conxunto de proxectos require dunha nova organización territorial a deseñar co obxectivo de poder contribuír á rexeneración económica do País. Por iso sería tamén clave conseguir para Galicia as plenas competencias que permitan rebaixar a influencia das provincias, eliminar as deputacións, reestruturar os concellos e lexislar sobre a creación de comarcas como unidades básicas de desenvolvemento económico.

Finalmente, o financiamento será de novo fundamental. Calcular as balanzas fiscais de xeito que se teña en conta o territorio de produción (caso da enerxía eléctrica ou de empresas galegas con sede fiscal en Madrid, por exemplo) e garantir a autonomía financeira sería outro apartado de indubidable transcendencia. Garantirmos o máximo nivel de autonomía para Galicia no novo modelo administrativo do Estado en cernes sería o último, ou máis ben o primeiro, punto a conseguir para un País que quere despegar cara ao seu futuro. 

Este artículo no refleja necesariamente la opinión del consejo editorial o de Economía Digital y sus accionistas.

Marcelino Fernández Mallo

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad