Feijoo move ficha

05 de octubre de 2015 (11:21 CET)

Eu si escoito á xente. Eu si teño "reprís". Eu non son un estafermo. Eu non me refuxio só tras a trincheira da legalidade e da rotina burocrática. Eu teño banquiño. E non vou quedar sentado esperando que a suba da marea me molle ata os mesmísimos calzóns.

Algo así podería ser a conversa de Alberto Feijoo co espelliño do seu cuarto de baño na mañanciña do domingo, unhas horas antes de sacudir a vida política galega cunha importante remodelación (a sexta) do Goberno galego por el presidido desde 2009.

A tal remodelación agocha un expeditivo despedimento da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, sentenciada, si, desde que milleiros de persoas de Vigo e todos os concellos da súa área metropolitana se botaron á rúa para protestar pola desfeita do novo hospital. Naquel momento, o presidente Feijoo cometeu a torpeza de lle botar a culpa do cabreo popular ao grao de desinformación dos manifestantes e non á incompetencia do equipo da conselleira para facer o traslado. Un fondo malestar en toda a zona (con alcaldes do PP poñendo autobuses para a protesta), que se viña sumar ao despropósito da xestión, construción, recorte de camas e servizos e moi discutido financiamento privado do novo centro sanitario vigués.

Seguramente, como adoita pasar sempre, a oposición e os comentaristas fagamos lecturas políticas dos cambios que vaian máis alá das intencións do remodelador. Clave sucesoria? Desde distintas instancias (económicas, mediáticas) estase a presionar o presidente da Xunta para que sexa candidato do PP nas eleccións galegas do ano vindeiro. Agora, algúns ven nestes cambios un presaxio de que seguirá. Outros, en cambio, toman nota da incorporación do ex alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, avalado polas súas vitorias electorais, pola súa xestión e polo seu talante centrista. Mais o futuro de Feijoo vai depender do que pase nas eleccións xerais e, sexa cal sexa o resultado, do que pase logo no Partido Popular no ámbito estatal. Ata daquela, cómpre agardar.

A un ano vista das eleccións galegas, Feijoo quere facer efectivo o "xiro social" que anunciou logo das municipais, como expresión de ter entendido a mensaxe dos votantes que lle furtaron maiorías absolutas nos principais concellos do país. Haberase ver se ese suposto xiro social pasa por modificacións substanciais nos orzamentos para 2016 ou se limita a contratar conselleiros procedentes da canteira municipal e con acreditado e exitoso pedigrí popular nas súas respectivas zonas de orixe. Coas novas caras do Consello (Rey Varela, Ánxeles Vázquez e "Sito" Vázquez Almuiña) trasládase a idea de renovación, base popular, relanzamento e iniciativa que a dereita galega necesita para lle facer fronte ao descontento explotado pola esquerda e, sobre todo, ao malestar das propias bases electorais, non sexa que se deixen ir ao abeiro doutras forzas emerxentes ou volvan quedar na casa cando toca ir votar.

Non debe pasar desapercibido o reforzamento da figura do discreto Francisco Conde, que asume as competencias de emprego nin, en sentido contrario, a desmontaxe da macroconsellería onde bulían competencias mesmo contraditorias en infraestruturas, ordenación do territorio e medio ambiente.

Por último, máis vale tarde que nunca para rectificar o desatino "austero" de concentrar as competencias sobre o agro e sobre o mar nunha sola consellería. Coa remodelación devólveselle ao rural unha presenza e un rango, con consellería propia, que nunca debeu perder, como demostrou hai poucas semanas a crise do leite.

Péchase a austeridade con estes movementos que, entre outras cousas, incrementan a estrutura política e administrativa da Xunta. Tamén hai que se remitir aos orzamentos (a verdadeira verdade da xestión política) para ver se, por exemplo, seguen ou non a mallar nos empregados públicos autonómicos co seu "tradicional" recorte salarial de Nadal.

Feijoo moveu ficha. El non é Rajoy (nin falta que lle fai).

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad