• Síguenos:

Empantanados

A corrupción (política, financeira, empresarial) é un problema, si, pero malia a súa obvia gravidade e o discurso evasivo que pretenden impoñer certos grandes medios, non é o problema fundamental. Indigna, si, a sucesión ininterrompida de escándalos que agroman: tarxetas negras, Bárcenas, ERE, Gürtel, Pokémon, Zeta, Pujol&family, Granados… Irán saíndo máis e medrará o cabreo cidadán. Hase ver se as institucións concernidas (políticas, financeiras, empresariais) son quen de tomar as medidas de fondo calado imprescindibles para previr semellantes desvergonzas. Leis, fiscalizacións, controis, transparencia e todas esas cousas das que se está a falar estas semanas e que non acabamos de ver concretadas por ningures.

Con ser tan grave o que estamos a saber (que o é) as cúpulas dirixentes (políticas, financeiras, empresariais) harán ben en non se enganar: a crise evidencia as inxustizas que xera determinado xeito de entender a economía de mercado. A crise revela o crecemento intolerable da desigualdade entre os que máis gañan e os perdedores. A crise deixa sen futuro a media mocidade española. A crise amplía os dominios dese outro mal corrosivo que se chama precariedade indefinida. A crise mingua, e de que xeito, os efectos balsámicos propios do estado do benestar. A crise chámase aquí, en Galicia, en España, paro masivo, desemprego prolongado.

Pode que algunhas destas cousas desaparezan dos titulares. Pode, tamén, que o Goberno e Xunta teimen en tomarlle o pelo ao persoal repetindo parvadas insultantes como que a crise é cousa pasada ou que "este Nadal será o da recuperación" (plasmático Rajoy dixit). Pode que dirixan o foco e as baterías a Podemos, como catalizador de todos os males de corte venezolano que están por vir.
Pode. Máis, na xente de a pé vai callando a idea de que as moitas e graves consecuencias da crise vanse quedar entre nós para moito tempo. Intúese que aquela famosa "refundación do capitalismo" proclamada polos grandes era só un eslogan, baleiro de contido e con menos percorrido que unha tartaruga coxa.

O malestar non diminúe. Non é só a corrupción... O sistema corroe o carácter, que diría Sennet. Acumúlase a xenreira. Sucede que non se albiscan solucións, nin propostas viables. Ocorre que estamos empantanados, escribiu hai uns días o filósofo José Antonio Marina.

Federico Cocho

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad