• Síguenos:

Camilo sinala o camiño

 

Arranca unha nova lexislatura no Parlamento. O Partido Popular renovou e ampliou a súa cómoda maioría absoluta, así que medran as posibilidades de que, falando en termos parlamentarios, esta lexislatura bata marcas de aburrimento e rutina.

Pode ser así, mais non debería, pois para iso non financiamos os galegos a Cámara autonómica. A maioría popular non debe ser excusa para que a esquerda se refuxie nas vastas chairas da retórica estéril, nin debe xustificarlles ás xentes de Feijoo outros catro anos como os que acabamos de sufrir.

Con habilidade indubidable, o presidente galego, que xa vai un pouco enchoupado de fraguismo de gaita e empanada, toma posesión e lánzalle unha oferta á tri-oposición para chegar a acordos en asuntos tan importantes como o financiamento autonómico ou a normalización lingüística.

Aínda a risco de que Feijoo se estea a marcar un astuto farol, as esquerdas galegas (PsdeG, BNG e En Marea) deberían explorar ese camiño. En primeiro lugar, por unha posición de país. Si, polo ben do país. Mais tamén por puro pragmatismo e interese das formacións progresistas. Porque, coa baza da maioría absoluta nas mans do PP, o seu papel (o das esquerdas) pode quedar reducido á insignificancia máis absoluta. Deben escoller ben a súa opción. Só así poderán saber tamén se a proposta do presidente era sincera ou non.

Os asuntos postos sobre a mesa son abondo trascendentes como para que as esquerdas galegas se desentendan á primeira de cambio desta oferta. Cómpre máis pragmatismo e menos frontismo grandilocuente. Nunha magnífica entrevista de Luís Villamor en Tempos Novos, Camilo Nogueira advírteo con clareza: "Desde a esquerda hai que traballar doutra forma (…) Non hai que traballar coa idea de que o PP secuestra o voto dos galegos". Media Galicia vota libremente á dereita, de igual xeito que a outra media vota libremente ás esquerdas.

Comprender esta realidade en todas as dimensións resulta básico para que as esquerdas actuais que aglutinan o voto progresista e/ou nacionalista se decidan por afondar no camiño do parlamentarismo máis activo. Dito doutro xeito: seguir o exemplo que deu Camilo Nogueira e que lle valeu o prestixio e o recoñecemento xeral co que conta hoxe en todo o país.

Visto coa perspectiva dos anos, cómpre preguntarse que foi o mellor para Galicia e para as ideas progresistas e nacionalistas cando se formou o Parlamento galego por primeira vez. Os tres deputados do nacionalismo radical foron expulsados por non acatar a Constitución. Nogueira, daquela liderando Esquerda Galega, non se atrancou nesa formalidade e seguiu na Cámara desenvolvendo un traballo indubidablemente positivo. Influíu en moitos asuntos moi importantes. Realismo fronte a retórica. Traballo fronte a antrincheiramento ideolóxico. Toca facer bo parlamentarismo e deixar as bandeiras gardadas para cando veñan outras eleccións.

Claro que ao mellor as nosas esquerdas prefiren saír nos medios discutindo entre si polos pupitres e polos lapis. Se é así, non se preocupen, que non ha faltar quen no recreo se encargue de magnificar as súas liortas colexiais.

Federico Cocho

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad