Asfixia nos campus

30 de abril de 2014 (21:24 CET)

Nun mesmo día a Enquisa de Poboación Activa (EPA) e os reitores españois contradixeron o optimismo oficial do Goberno sobre a saída da crise. Os datos do paro e da destrución de emprego deixan pouco espazo para a alegría ministerial e convirten nun sarcasmo impresentable o comentario de Rajoy ao se facer públicos os datos. Temos menos poboación ocupada que en 2002, pero, segundo o xefe do executivo, “vamos por el buen camino”. Xenial.

Os reitores, polo seu lado, confabuláronse para ler ao tempo un comunicado no que reclaman a fin das medidas excepcionais en materia de bolsas, taxas, cadros de persoal e actividade docente. Desde que comezara a crise en 2008, o ensino superior público perdeu 1.200 millóns de euros nos orzamentos e un 9% do seu profesorado. Unha sangría perigosa.

Algunhas desas medidas establecéronse nun terrorífico decreto aprobado polo Consello de Ministros en abril de 2012. Presentáronse entón como medidas excepcionais, por iso agora as universidades, levando a auga ao seu muiño e apreixando a argumentación oficial de que estamos a saír da crise, piden a súa supresión. Un ano atúranse, dous apretan, pero o seu mantemento comeza a asfixiar os campus, con grave repercusión sobre a calidade da docencia e da investigación. Sobre o papel, todo o mundo coincide en que imos a unha sociedade do coñecemento na que as universidades son claves. Mais ese principio compartido non se traslada aos orzamentos do Estado e das comunidades autónomas.

As universidades non volverán á normalidade mentres non poidan renovar os seus cadros de persoal (agora só poden repoñer o 10% das xubilacións) ou mentres se autoricen subas nas taxas tan salvaxes como as que sufriron en Madrid ou Cataluña (ata un 66%).

Cómpre aplaudir a decisión da Xunta de Galicia de conxelar, un ano máis, os prezos das matrículas universitarias. Neste momento temos as máis baratas do Estado. Mais non será posible recuperar a ansiada normalidade se se manteñen os novos e discriminatorios criterios sobre as bolsas, que son competencia estatal. Ou se se mantén en vigor a idea de que os prezos das taxas universitarias hanse de aproximar “progresivamente” ao custo real dos estudos, como di o repudiado decreto.Todo un ataque frontal á idea de educación universitaria como servizo público, porque para iso, para os prezos de mercado xa están as universidades privadas.

Dito doutro xeito: as medidas non só son a resposta conxuntural a unha situación de emerxencia transitoria. Son máis. Son ideoloxía apenas disimulada.
Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad