Agro miniaturizado

03 de febrero de 2016 (12:29 CET)

A decisión de estender sesenta anos a concesión pública a ENCE para que continúe explotando a súa fábrica de celulosa na ría de Pontevedra coincide practicamente no tempo con unha visita que fago a Casa Ametller, unha rede de 83 supermercados, 17 so en Barcelona, de produtos de alimentación ecolóxicos e cataláns. A coincidencia carece de significado económico por si mesma pero ilustra con crueza as diferenzas entre as políticas agrarias que se seguen en Cataluña e Galicia.

A fábrica de ENCE sitúase na boca dunha ría, un lugar de elevado valor natural que debería ser preservado de proxectos industriais, máis se son especialmente contaminantes. O input principal para a produción de celulosa é o eucalipto e por esa maldita asociación Galicia esmagou a súa paisaxe e asfixiou boa parte do seu rural mediante a plantación salvaxe, e única en Europa, desta árbore alóctona devastadora. Namentres, a produción agraria ficaba abandonada ou, no mellor dos casos, estancada.

Casa Ametller supón un extraordinario exemplo de integración vertical, dende o cultivo dos produtos agrarios ata a súa comercialización pasando, nalgúns casos, pola transformación industrial e envasado. O proxecto iníciase nas 3.000 hectáreas de terreo agrícola dispoñibles, o 85% en Cataluña, e preparadas para a produción integrada e ecolóxica dunha ampla gama que inclúe froitas, verduras, legumes, aceite, viño e cava, cárnicos e lácteos (de ganderías tamén catalás), conservas, chocolate e un longo etcétera.

Os dous casos anteriores resultan expoñentes de dúas políticas diverxentes: unha, de agresión ao medio e de mesquiño potencial, e a segunda, de xeración de riqueza e emprego a partir dos recursos propios. Como non pode ser doutra maneira, os resultados son, desculpen a aparente hipérbole, brutais. Verán:

Escollemos as actividades máis representativos do sector agrario e comprobamos a procedencia das súas primeiras 100 organizacións en España por tamaño. Atención ós resultados:

  • CNAE 0111 – Cereais: 12 entidades catalás, 0 entidades galegas.

  • CNAE 0113 – Hortalizas: 2 entidades catalás (de feito, a 1ª e a 5ª), 0 galegas.

  • CNAE 0121 – Vides: 8 entidades catalás, 2 galegas.

  • CNAE 0124 – Froita (no cítrico): 14 catalás, 0 galegas.

  • CNAE 0161 – Servizos de apoio á agricultura: 13 catalás, 1 galega.

Así pois, dous países de superficie comparable (inda que a poboación de Cataluña sexa case o tripla cá galega), e un deles presenta un número de empresas de raíz agraria que multiplica por 16 (si, si, por 16) o número do outro: Cataluña 49 entidades; Galicia 3.

A análise debe completarse cun exercicio similar para o sector de industrias agroalimentarias. Velaí vai (obviamente, nos CNAEs que se emparellan, a mostra sectorial acolle as 200 empresas meirandes):

  • CNAE 1011 – Procesado carne: 43 empresas catalás, 3 entidades galegas (para quen non o crea, velaquí o link onde pode comprobalo)

  • CNAE 1013 – Produtos cárnicos: 30 empresas catalás, 2 galegas

  • CNAEs 1032 e 1039 – Derivados de froitas e hortalizas: 11 empresas catalás, 1 galega

  • CNAEs 1043 e 1044 – Aceite: 12 empresas catalás, 4 galegas

  • CNAEs 1053 e 1054 – Leite e produtos lácteos: 24 empresas catalás, 16 galegas (ata en derivados do leite nos gañan!)

  • CNAEs 1071 e 1072 – Pan e derivados: 46 empresas catalás, 6 galegas

  • CNAE 1082 – Derivados do cacao e confitería: 25 catalás, 3 galegas

  • CNAE 1085 – Pratos preparados: 16 catalás, 5 galegas

  • CNAE 1091 – Alimentación animal: 28 catalás, 8 galegas

  • CNAE 1102 – Viños: 12 catalás, 4 galegas

  • CNAE 1105 – Cervexa: 24 catalás, 6 galegas

  • CNAE 1107 – Augas e bebidas non alcohólicas: 19 catalás, 11 galegas

     

Foivos un traballiño pero o resultado paga a pena. Son 290 empresas catalás por 69 compañías galegas do agroalimentario. Aínda hai alguén que dubide da necesidade imperiosa de aplicar unha política distinta capaz de revolucionar o agro galego?

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad