Adeus á gran reforma da Constitución

stop

 

04 de diciembre de 2015 (12:49 CET)

Se hai unha ponte de decembro é porque o día 8 se conmemora o aniversario da aprobación da Constitución, o histórico pacto político sobre o que asentou a transición da ditadura franquista a un réxime democrático homologable a calquera dos existentes na Europa occidental. Baixo o seu paraugas, España toda coñeceu o seu mellor momento na historia, nunha etapa de evidente modernización, estabilidade e progreso. Nas comunidades con lingua e cultura propias, como é o caso de Galicia, tamén un momento historicamente inédito para sacalas da marxinación (con resultados dispares no Estado, como se sabe).

Xa van 37 anos. Outra vez cadra a celebración en plena campaña electoral, mais agora coa particularidade de que a propia reforma (ou non) da Carta Magna forma parte dalgunhas das propostas en liza. O empurrón do independentismo catalán obrigou a todos os partidos e formacións a se mollaren nesta cuestión tan transcendental para a estabilidade e para o futuro inmediato de España.

Ben, maticemos. Non a todos, porque, no seu programa, o Partido Popular non fala para nada de reforma da lei suprema española. Limítase a gabar a Transición e a propia Constitución. Só dun xeito retórico se compromete a "fortalecer o vínculo constitucional e renovar o espírito de concordia, respecto e liberdade que nos legaron os pais da Constitución".

A última enquisa do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) anuncia unha vitoria clara do Partido Popular. Sen maioría absoluta, pero vitoria ao cabo. No lle hai que ter fe relixiosa ás enquisas, certamente. Mais outras sondaxes doutras institucións e dos principais medios de comunicación apuntan na mesma dirección. Daquela, parece pouco probable que a dereita gañadora dea un paso reformista que non ve nin urxente nin necesario, ademais de o sentir como froito da presión do desmelenado soberanismo catalán.

Porque, de se cumprir os prognósticos, será o PP o encargado de formar goberno e de se procurar o apoio máis lóxico, que é o de Ciudadanos, de decidida vocación bisagra e notoria proximidade ideolóxica en moitos aspectos cruciais. O socialista Pedro Sánchez xa se descartou como candidato a presidente se non gañaba. E que di Ciudadanos sobre a reforma constitucional?

O partido de Albert Rivera si que fala de reforma. Tamén festexa os logros da Constitución. Rexeita a idea dunha nova etapa constituínte, mais considera chegado o momento de modificar algúns aspectos e introducir outros novos para "superar determinadas disfuncións", sempre "sen se desviar" dun consenso como o que permitiu alumear o texto de 1978. Entre outras cousas, propón un novo capítulo dedicado a dereitos sociais (vivenda, saúde, servizos sociais) con garantía de dotación orzamentaria.

Canto á delicada cuestión da organización territorial, Ciudadanos quere que se establezan claramente as competencias das comunidades autónomas e do Estado e que se "fixe de xeito definitivo o mapa autonómico" enumerando as 17 comunidades e suprimindo a opción de que Navarra se incorpore ao País Vasco. Así é que poucas novidades nesta materia e nada de formular, nin por asomo, reformas de corte federalista como as que manexa o PSOE.

Este é o escenario máis probable co que nos imos atopar na próxima lexislatura. Daquela, nin cartas aos reis magos (ou a Papá Nadal) como as que escribe Izquierda Unida, nin, por suposto, dereito á autodeterminación (agora chamado dereito a decidir) ou referendos vinculantes, como levan na carteira Podemos, En Marea, independentistas varios e outras formacións da mesma órbita ideolóxica. Ou o BNG, ao que as enquisas deixan esta vez fóra do Congreso. Baixo o principio inapelable do realismo, cómpre ter presente este panorama. Sobre todo na banda esquerda, que tanta ilusión e énfase pon na cuestión territorial.

Non veremos a gran reforma. Un consenso como o de 1978 será imposible. O acordo en materia territorial tamén semella utópico. Queda, iso si, un amplo abano de cuestións nas que debería ser posible o pacto se todo o mundo deixa o catecismo na casa. Asuntos non menores como as cuestións sociais ás que se refire Ciudadanos ou a reforma radical do Senado, por citar dous exemplos.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad