Un traballador do centro de reciclaxe de vehículos Trameve, en Santiago de Compostela

A Economía Social Galega

stop

As empresas de economía social teñen aínda moito potencial de crecemento en Galicia

Marcelino Fernández Mallo

Un traballador do centro de reciclaxe de vehículos Trameve, en Santiago de Compostela

A Coruña, 29 de julio de 2017 (19:38 CET)

Non é frecuente atopar o cualificativo “social” pegado ao substantivo “economía”. Máis habitual son, por exemplo, “competitiva” ou “eficiente”. Curiosamente, os proxectos de economía social adoitan ser competitivos e tamén eficientes. Hai razóns que explican esta relación se cadra inesperada.

Coñecín as claves da economía social a partir dun Proxecto Fin de Máster do MBA que teño a honra de dirixir en IFFE Business School. Trátase dunha granxa de galiñas campeiras a desenvolver en Santiago de Compostela da man da Asociación Entrelampo. Esta organización ten como finalidade a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental; de feito, tal como foi deseñada, está previsto que a granxa –constituída como Centro Especial de Emprego– sexa xestionada de modo practicamente completo por traballadores con algún tipo de disfunción intelectual. O lema do proxecto, #meimportaunhuevo, resulta ben explícito do valor que os promotores desexan atribuirlle aos ovos campeiros de Entrelampo.

A granxa de Entrelampo aspira a xestionarse íntegramente por traballadores con algún tipo de disfunción intelectual

A partir da “Ley general de derechos de las personas con discapacidad y de su inclusión social” de decembro 2013, as empresas públicas e privadas que teñan en plantilla 50 ou máis persoas traballadoras contratadas, han reservar o 2% do total para persoas con discapacidade. En caso de non cumpriren este requisito, por cada empregado con discapacidade non contratado ata ese 2%, as compañías deberán realizar compras a Centros Especiais de Emprego por un importe equivalente a 3 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

A esixencia anterior supón unha importante ferramenta competitiva para os proxectos de carácter social. Ademais, os Centros Especiais de Emprego están exentos do pago por cotas da Seguridade Social e benefícianse dunha subvención para costear o salario de cada traballador. En conxunto, calcúlase que estas empresas (os CEE son empresas, claro!) poden aforrar un 75% do custo salarial total dos empregados con discapacidade.

Casos de éxito

Algúns proxectos paradigmáticos coma Ilunion ou La Fageda amosan o enorme potencial deste tipo de empresas que, a partir duns principios de integración social, son quen de desenvolver iniciativas de máxima competitividade e capacidade de expansión comercial. Sen embargo, malia este tipo de exemplos, España figura no posto 35 no ranking Thomson Reuters de economías proclives ao emprendemento social, mesmo por detrás de países como Exipto ou Nixeria.

En Galicia, as iniciativas vinculadas á inserción social agrúpanse en torno a CEGASAL (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo e Lucro). Nela intégranse proxectos salientables como COREGAL, de reciclaxe; Hornos Lamastelle, que elabora e distribúe produtos de forno; GRAFINCO, de artes gráficas; TRAMEVE, de despece ecolóxico de vehículos, ou DIXARDÍN, de xardinería e paisaxismo. Son experiencias admirables que deberían supoñer un revulsivo para o crecemento decidido deste tipo de empresas no país.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad