A deslocalización perpetua

08 de septiembre de 2015 (11:12 CET)

A adquisición de R por Euskaltel constitúe o último capítulo da lamentable historia de desarraigo empresarial que asola Galicia dende hai décadas. Este factor que apenas se ten en conta nas análises económicas explica de seu boa parte da apocalíptica evolución da nosa economía. Certo que R pertencía ao fondo de investimento CVC pero a venda á compañía vasca vai supoñer a perda do poder de decisión e a marcha da empresa fóra de Galicia.

A deslocalización de empresas, capitais e talentos representa unha sangría continua da cal a venda de Fenosa a Unión Madrileña en 1982 supuxo o seu primeiro e dramático precedente.
Fenosa era unha compañía máis puxante, de maior dimensión, con maior capacidade de xeración enerxética. Galicia presentaba, e segue a presentar por suposto, unha potencialidade produtiva incomparable respecto a Madrid. Dende un punto de vista económico, o proceso de concentración do sector debería ter beneficiado a Galicia que sen embargo quedou sen poder de decisión nun área de enorme transcendencia para o seu desenvolvemento.

Coa perda de Fenosa, Galicia perdeu varios milleiros de postos de traballo cualificado e un motor fundamental para a promoción de proxectos e investimento así como de fomento da investigación e a innovación. En 2005 puido reescribirse a historia cando Inditex pechou un acordo para facerse co 22% do Santander en Unión Fenosa. Mais unha reacción inmediata dos poderes madrileños apadriñados polo propio goberno español frustrou a operación e,consecuentemente, a recuperación para Galicia dunha empresa sobre a cal construír un tecido industrial avanzado.

En materia corporativa, Galicia sempre perde xa sexa por falta de peso político, ou por déficit de sentimento de país na clase empresarial, ou ben por falta de determinación dos recursos financeiros. Non lembro unha adquisición importante dunha empresa que implicase a relocalización de unidades produtivas en Galicia. Hai, sen embargo, ducias de exemplos na dirección contraria. Por mencionar algúns: a viguesa Comunitel, vendida a Tele2 en 2007, foi un precedente de R no sector das telecomunicacións; a tecnolóxica Softgal pasou á madrileña Tecnocom en 2006; no sector do transporte, Azkar, vendida en 2011; no químico e farmacéutico, a maioría das filiais de Zeltia, así como o propio grupo, teñen a súa sede en Madrid; no de distribución, Vegonsa se integra no grupo vasco Eroski; na construción, Fadesa é absorbida por Martinsa; no financeiro, das dez entidades con sede en Galicia no ano 2000 pasouse a unha, e de capital foráneo, en 2015. E así sucesivamente.

A deslocalización de empresas esténdese outrosía filiais e divisións, e non falamos precisamente do traslado de factorías a países de baixo custo. O exemplo máis salientable é o de Inditex que localizou en Cataluña as sedes de MassimoDutti, Bershka, Oysho, Uterqüe y Stradivarius, mentres que para Irlanda levou o seu proxecto online. Hai casos especialmente insólitos, como o de Conservas Calvo, que ten o seu equipo directivo ao completo en Madrid, e outros paradigmáticas como o da extinta Caixa Galicia, que tiña unha parte destacada dos seus servizos centrais en Madrid os cales mantén agora Abanca.

Sería ben interesante avaliar a perda de riqueza para Galicia da continua deslocalización das súas empresas como tamén sería conveniente estendelo a outros fenómenos de non menor repercusión. Diciamos hai un momento que a "falta de determinación dos recursos financeiros" autóctonos lastra as posibilidades de captación e mesmo mantemento de proxectos corporativos. E sen embargo, en Galicia residen unha parte significativa das maiores fortunas españolas cunha capacidade de investimento abonda para transformar a economía galega. A realidade é que apenas unhas contías residuais destes fondos inxentes contribúen ao desenvolvemento do país. A maioría se colocan en operacións inmobiliarias e especulativas de nulo impacto sobre a riqueza e o emprego de Galicia.

Non esquezamos os grandes empresarios galegos na diáspora, capaces de erguer importantes conglomerados en sectores de diversa natureza que practicamente nunca implican un efecto sequera colateral para o desenvolvemento do país. E igual que moitos galegos emigrantes foron quen de contribuír ao crecemento e transformación de economías lonxanas, así mesmo centos de galegos ocupan postos de liderado en importantes empresas e corporacións, españolas ou mesmo estranxeiras, que compiten nos máis avanzados mercados mundiais. E tamén milleiros de galegos demostran o seu talento en postos directivos e técnicos das compañías con maiores niveis de esixencia cara aos seus executivos.

Despois de todo isto, un pregúntase como sería Galicia se concentrásemos o inmenso potencial das súas xentes nun proxecto común de país. Se cadra, a cousa habería principiar por un goberno propio consciente destas potencialidades, ademais de cunha vontade real de metamorfose e a capacidade de deseño dun modelo transformador.
Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad