A Coruña e a súa estratexia de futuro (I)

20 de noviembre de 2015 (01:15 CET)

Eu, non deixo de ser un cidadán nado na Coruña. De pai e nai coruñesa. Con fillos coruñeses. Polo tanto, cun espírito emanado dunha historia cargada de fitos, comportamentos e regras coñecidas, transmitidas e valoradas sempre en positivo. Formo parte, asemade, dunha xeración que recolleu dos seus devanceiros o legado histórico dunha cidade loitadora contra as inxustizas e as desigualdades; capaz de enarborar bandeiras e estandartes para pelexar contra invasores; e, ó mesmo tempo, para denunciar aldraxes e marxinacións.

Asemade, pertenzo a unha grea de persoas que enlazou os pensamentos e os comportamentos doutros cidadáns que apostaron pola democracia e o galeguismo, converténdoo nun facho ben iluminado ó longo da nosa historia persoal. E, finalmente, na medida das nosas posibilidades e oportunidades xuntei as miñas forzas coas doutras persoas, cando tiñamos que defender ou emprender novas opcións de cara a formular escenarios de futuro; non só potenciais, senón viables.

É dicir, son coruñés, como Salvador de Madariaga, pensador dun horizonte europeo harmonizado; son coruñés, coma Ramón Maseda, emblema do socialismo na cidade e promotor de moitas obras e servizos sociais; son coruñés como Arturo Taracido, ex tenente de alcalde deste Concello e defensor ata o final da súa vida dos valores democráticos; e son coruñés como Uxío Carré Alvarellos, fundador da Real Academia Galega e difusor da nosa identidade galeguista.

E no meu caso, son froito dunha instrución recibida nun colexio, Academia Galicia, con magníficos profesores como Miguel González-Garcés ou Francisco-José Alcántara, por exemplo; e complementada extraordinariamente pola educación transmitida na miña casa, polos meus pais, onde tiven os mellores mestres e titores que un pode escoller.

A conxunción de ámbalas dúas forzas converxentes deron o que son. Nin máis, nin menos. Logo, evidentemente, e non se pode negar, fun sendo modelado paseniñamente pola miña muller de cara a gañar outros valores.

Sempre se di, e así presumimos os coruñeses, que somos quen de contar cun ambiente/espazo capaz de xerar, gardar e transmitir esencias/espíritos de concordia e poñernos a camiseta de gañadores. De aí que non teñamos medo nin á rivalidade, nin á competencia, nin ó posicionamento internacional.

A nosa historia está preñada de acontecementos que avalan estes asertos. Xa fora nas nosas liortas con poderosos e contra calquera pais ou Estado; ou na nosa especialización e loita polos mercados nacionais ou internacionais; ou no noso encadramento exterior e no noso asentamento internacional.

Por iso, se tivera que definir o que neste momento estou a sentir, diría, coma bo coruñés, que temos tres riscos notables que conxugamos con destreza; e polos que sobresaímos fóra:

En primeiro termo, o RESPECTO. Son daqueles que sempre outorgo credibilidade e prevalencia ós que me precederon no traballo, co seu pensamento e co seu facer.

Coido que hoxe a sociedade, e sobre todo os mais novos, deberían voltar un intre ao pasado; e darlle mais valor a este concepto, o do RESPECTO HISTÓRICO; para min máis relevante que o valor da Memoria. Este último é un concepto mais efémero. Non o descarto; pero prefiro o anterior. Pido e reclamo, pois, Respecto Histórico, máxime cando queremos facer país. Máxime cando queremos enarborar emblemas.

Mesmo dentro dos partidos políticos, hai que manter ese respecto para os que nos precederon, para os que tiveron responsabilidades e hoxe xa están separados dos cargos. As súas accións pódennos gustar máis ou menos, pero, sen dúbida, son peza fundamental na historia.

En segundo lugar, reclamo e defendo a RESPONSABILIDADE. Este valor está deixando de ser un trazo básico nos discursos; e nos programas políticos ou de xestión. Moitos non queren asumir responsabilidades; nin no traballo, nin na elaboración de propostas. Apostan polo laissez-faire; por deixarse ir; pola comodidade, en suma.

O resultado é a medianía, é dicir, atopar a alguén que llo faga. Deste xeito, importámolo case que todo, coma diría Unamuno naquel discurso histórico que reflectía unha fase do noso país na que non se apostaba por nada. Hoxe en día, ser RESPONSABLE debería ser un valor. E oxalá volte a ser un valor esencial.

E, en terceiro termo, aposto polo ESFORZO. Sen el dificilmente seremos ninguén. Sen traballo, e sobre todo, sen esforzo, resultará case imposible acadar niveis pioneiros en calquera eido da nosa vida.

Deberíamos, pois, definir metas a conquistar, en base ó noso esforzo persoal e colectivo. Deste xeito, a sociedade daría o máximo nivel de posibilidades e abririamos novas oportunidades.

Pois ben, traducindo estas notas á nosa cidade; eu son dos que preconizo que hai que tomar as rendas/temón; hai que despregar as velas ou andamiaxe; e hai que iniciar un camiño/periplo cara un escenario viable e factible.

As cidades son os escenarios mais compactos en canto a organización de persoas se refire. Nelas reagrúpanse todas as relacións funcionais posibles entre os distintos elementos que a conforman. Nas cidades compútanse variables tanxibles e intanxibles. As cidades regúlanse e autorregulanse. As cidades emprenden camiños en solitario e en solidariedade. As cidades son, por último, os entes máis vivos, máis permeables e máis sólidos e compactos que existen no metabolismo institucional democrático.

Por estas razóns, un non debe quedar á marxe de participar, de coadxuvar, de propor e de avaliar calquera decisión en torno ao futuro da súa cidade. Non todos podemos ser concelleiros ou apostar por ser ou querer ser alcaldes.

Pero temos que estar atentos as propostas que se fan dende o Concello; melloralas se está nas nosas mans e no noso maxín; ou criticalas, construtivamente, se non estamos de acordo e temos algunha alternativa mais proveitosa para o conxunto da cidadanía.

 

*Extracto do discurso pronunciado por Fernando González Laxe no acto do seu nomeamento como Caballero de Honor da Orden de Caballeros de María Pita

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad