A cínica lóxica da vicepresidenta

27 de abril de 2015 (19:50 CET)

Naturalmente. Convén que os deputados/as saiban moito dos asuntos que tratan e que atesouren experiencia neles. Así lexislarán mellor, non teño dúbidas. A lóxica da vicepresidenta do Goberno é inapelable. Daquela, que mellor que un señor deputado (ben remunerado por iso, por ser deputado) estea a soldo dunha construtora (ben remunerado, que para iso é asesor). Porque así, cando –directamente ou nos corredores íntimos e superexclusivos do poder– se traten cuestións de infraestruturas, obra pública, concesións, licitacións e similares, pois xa se conta a man con persoas que "saben" do tema. E tanto que saben.

Non se fala de enxeñeiros, urbanistas, arquitectos ou economistas, senón de avogados, "asesores verbais" dos patróns xenerosamente remunerados. Estes asesores trasladan a súa sabidoría e experiencia no sector da construción aos centros de decisión do poder lexislativo e lexislativo por loable vocación de servizo público.

Ben. Postos a falar de contos, eu procuro a calidade en Antón Riveiro ou en John Cheever, poñamos por caso. Cando quero intriga policial boto man de Alicia Giménez Bartlett e, de cando en vez releo a García Márquez, con ou sen cabodano. "La increíble y triste historia de la cándida Eréndira y de su abuela desalmada", poñamos por caso.

Estes outros contos gubernamentais emitidos pola La Moncloa son tan inxenuos como o da Carapuchiña Vermella. O puro sentido común indica que é radicalmente incompatible ser diputado en Cortes e cobrar soldo regular dunha empresa construtora que, casualmente, contrata coas administracións públicas. Simple.

Para máis inri e para se xustificar, a un dos empresarios pagadores non se lle ocorre cousa mellor que soster que se reunía un par de veces ao mes co deputado Pujalte porque este desempeña "funcións de coaching".

Os cachados estas vez son o ex ministro e ex presidente do Congreso Federico Trillo e o lenguaraz deputado Martínez Pujalte, que xa asesoraba no ramo formigoneiro cando, día si e día tamén, saía nos telexornais para culpar de todos os males da patria a Zapatero, mira ti por onde. Traizoado agora polo seu gatillo fácil, el mesmo recoñece que o asunto é legal, máis dubidosamente ético.

Perigosa fenda entre o legal e o ético. En política esíxese non só legalidade, senón tamén ética. Legais son os desafiuzamentos, mais non son éticos. Legais son os soldos astronómicos de moitos executivos e artistiñas do balón, mais non son éticos. Legal é pagar salarios de escravitude a xente que traballa dez horas diarias, mais non é ético. Legal foi a amnistía fiscal de 2012 e os seus termos escandalosos, mais non foi ética. Legal é deixar sen sanidade aos sempapeis, pero tamén carente de humanidade e de ética. E así…

Pero, por baixar da abstración, o caso Trillo-Pujalte leva o foco á moi laxa normativa de incompatibilidades das señoras e señores deputados. Normativa pragada de baleiros e ambigüedades, habilmente aproveitadas polos seus destinatarios. Agora sabemos, por exemplo, que hai uns corenta parlamentarios que seguen a exercer a avogacía e outros tantos, a docencia.

Esa normativa reclama a voces unha revisión profunda e esixente. Haberá que fiar fino e non xeralizar. Unha vez definida con claridade a cuestión da dedicación exclusiva ou parcial, está claro que non é o mesmo seguir dando clases de Física Cuántica ou exercer a cirurxía que operar como "coach" dunha empresa construtora que traballa para as administracións públicas.

Ben sei que non é fácil, porque as restricións limitan o acceso á política de persoas valiosas pero que non poden abandoar totalmente a súa actividade profesional durante un tempo crucial, porque dificultaría o seu posterior retorno á vida laboral. De feito xa hai nos parlamentos unha sobrerrepresentación de funcionarios públicos (docentes, sanitarios, avogados, técnicos, xestores ) que, como tales, teñen dereito a excedencias. De tal xeito que ao remataren o seu paso pola política dispoñen da súa praza reservada na Administración correspondente. Como iso non ocorre no sector privado, a representación política queda en mans de funcionarios/as, políticos profesionais e ricachóns comprometidos ou avorridos. En todo caso, un falsificado retrato da sociedade á que representan.

Todas as democracias enfrontan este problema. É certo. Tan certo como que as máis solventes non toleran situacións como a coñecida agora en España. E tan certo tamén como que a xustificación gubernamental, ofrecida por boca displicente da señora vicepresidenta, ofende a intelixencia da cidadanía cotizante.

Suscribir a boletines

Al suscribirte confirmas nuestra política de privacidad