Sen reacción no rural galego

28 de noviembre de 2014 (00:18 CET)

A semana pasada coñeceuse unha información que, sendo de máxima relevancia, pasou como se tal cousa. Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social relativos ao sector de Agricultura, Gandería e Pesca, o campo español empeza a reverter a tendencia dos anos anteriores respecto dos traballadores autónomos no rural. Así, mentres en 2013 observábase unha perda do 0,6%, no mesmo período de 2014 experimentouse un crecemento, inda pequeno, do 0,1%.

Por Comunidades Autónomas, a evolución amosa diferenzas notables e así, fronte ao crecemento do 1,8% en Andalucía ou o 1,5% en Murcia, Galicia e Asturias presentan una perda do 2,5%. De feito, Galicia convértese na Comunidade Autónoma por maior número de baixas, tanto en termos absolutos como relativos.

Levamos tempo sinalando o sector primario como un dos eixos críticos para o progreso de Galicia. Quedaron atrás aqueles tempos nos que o agro semellaba condenado á transformación, primeiro, e á marxinalidade finalmente. A evolución da demanda mundial, en termos de cantidade mais outrosí de calidade e innovación, favorece o xurdimento de novas oportunidades, o crecemento xeral da actividade e a mellora drástica de rendibilidade. O agro, ademais, constitúese no alicerce de industrias manufactureiras de alto valor engadido da man de tendencias como os alimentos funcionais e a agricultura ecolóxica.

Ademais de arrepiantes cifras de desemprego e emigración, Galicia amosa un grave problema demográfico que se ceba especialmente nas rexións interiores e rurais en xeral. Tanto por tradición como por condicións climáticas e morfolóxicas, somos un País con grandes potencialidades no eido do rural. Porén, as políticas levadas a cabo polo Partido Popular dende que recuperou o goberno galego non facilitaron en nada, máis ben todo o contrario, a rexeneración do agro.

Cómpre o deseño e implantación dun modelo capaz de vertebrar o territorio, xerar emprego de alto valor, integrarse coa industria en igualdade de condicións, abordar os mercados exteriores (español e internacional) e tirar proveito das sinerxias latentes no País entre terra, coñecemento, organización (as cooperativas!) e produto. É cuestión sobre todo de vontade, como case sempre.