O emprego con Feijóo

09 de junio de 2016 (13:12 CET)

Na súa recente viaxe caribeña, Núñez Feijóo amosouse exultante. Manifestou que Galicia era unha economía puxante e nin sequera arroubou. Cando tomou el as rédeas do goberno en abril 2009, si era a galega unha economía en marcha, con proxectos transcendentes que empezaban a dar salientables froitos. O seu goberno parou aquilo e todo cambiou; para mal como axiña veremos.

A crise golpeou forte a economía galega e a recuperación amósame aínda máis feble que a española. Acábanse de publicar os datos do Servicio Público de Empleo correspondentes ao mes de maio e o Partido Popular lanzouse a divulgalos como se representasen un gran mérito. Mais unha análise mesmo sinxela matiza a cifra sintética (redución do paro rexistrado) e demostra que a situación do emprego en España continúa a ser dramática.

Tomemos cifras de Galicia para facer un balance da xestión do executivo Feijóo en materia de emprego, sen dúbida o factor fundamental que delimitará o seu éxito ou o seu fracaso. Preferimos manexar datos do INE, máis fiables cós do Servizo Público de Empleo: por un lado, estes non consideran os parados non rexistrados (hainos abondos) e introducen o factor estacional propio dos datos mensuais. Así pois...

No T2-09 (segundo trimestre de 2009, toma de posesión de Feijóo), a taxa de desemprego en Galicia era do 12,6% fronte ao 17,8% de España. O bipartito deixaba un diferencial a prol da nosa economía de 5,2 puntos. Pois ben, no T1-16, o paro en Galicia era do 18,2% (aumento de 5,6 puntos) fronte ao 21% en España (aumento de 3,2). O incremento relativo superior do paro entre os traballadores galegos fixo que aqueles 5,2 puntos de diferencial se reduciran ata os 2,8 actuais.

Mantendo a comparación entre o T2-09 e o T1-16, vemos que en España aumentaron os parados un 15,7% por un 36,7% en Galicia (de 167.000 a 228.000), uns datos que se nos antollan terribles para a nosa economía. Os parados galegos significaban en 2009 (2ºT) el 4% del total España; tralo goberno Feijóo, e polo momento, representan o 4,8%.

Seguimos profundando: a poboación ocupada caeu entre os dous períodos un 11,4% en Galicia (5,9% en España) e así pasou a representar un 5,7% do total español fronte ao 6% de 2009.

Quedaría o alivio de que os parados tivesen aumentado polo crecemento da poboación activa, a disposta a traballar, pero iso non é así senón, de feito, todo o contrario. A poboación activa en Galicia descendeu un 5,4% polo 2% do dato español. Quere isto dicir que o desemprego aumentou en Galicia malia que moitos galegos renunciaron a buscar emprego ou simplemente marcharon do país (case a tripla ca en España).

A análise resulta aínda máis apocalíptica se tomamos os traballadores por debaixo dos 35 anos. Neses tramos de idade, o paro descendeu un 3,8% o cal parece un bo dato. Pero non é así: o motivo da baixada do desemprego entre os máis novos debeuse a caída na poboación activa, que pasou de 470.000 traballadores ata os 322.000, unha redución insólita do 31,5%. Así é que a poboación ocupada nos tramos inferiores aos 35 anos reduciuse en 145.000 traballadores, un 37%!

A Xunta do PP podería tentar acoutar o período da análise, pero tampouco así as cousas lles son favorables. Un so dato: a variación interanual dos afiliados á Seguridade Social medrou en España un 5,6% polo 2,3% de Galicia, un crecemento que nin sequera chega á metade da cifra española.

Parece que non hai espazo para a discusión: a xestión económica do Partido Popular en Galicia está afundindo a capacidade de xeración de emprego do país. As razóns da desfeita serán motivo dun vindeiro artigo.