Galicia sen Industria

28 de noviembre de 2015 (12:39 CET)

Seica a Fábrica de Armas da Coruña, o que dela queda tras case 80 anos de traxectoria, ten os días contados. É o último capítulo, que non derradeiro, desta crónica lamentable de destrución do tecido industrial do país. As economías solventes e puxantes basean a súa fortaleza na industria. Polo contrario, os países ricos en materias primas incapaces de desenvolver proxectos de transformación están condenados á pobreza.

Si, claro, sempre hai exemplos. A cuestión, coma sempre en economía, non radica neste caso ou naquel caso senón no seu agregado. E a evolución da industria galega, en cifras e tamén en casos, non deixa lugar ás dúbidas. Quixen afondar un chisco nesta realidade e busquei presenza galega nos sectores industriais que me pareceron máis significativos de cara ao futuro económico neste mundo con tendencia irreversible á globalización.

Escollín cinco sectores pola súa significación e comprobei a localización das principais empresas en cada un deles. Os sectores seleccionados foron: o sector farmacéutico, no cal resulta fundamental o I D e Galicia contou cunha experiencia punteira; o sector de equipos eléctricos, pola súa condición de provedor de outros múltiples sectores industriais; o sector de compoñentes do automóbil, por amosar nel Galicia unha especialización positiva; o sector das tecnoloxías da información, de protagonismo evidente en calquera proxección; e o sector ferroviario por tratarse dunha industria de alta tecnoloxía normalmente vinculada a proxectos públicos. Ben, estes foron os resultados:

Sector farmacéutico (CNAE 2120): 26 empresas en Cataluña, 17 en Madrid, 2 en Aragón y Comunidade Valenciana, y 1 en Castela León, Euskadi y Castela La Mancha. Total 50. En Galicia 0.

Sector equipos eléctricos (CNAE 2790): 15 empresas en Cataluña, 10 en Euskadi, 9 en Madrid, 7 en Aragón, 3 na Comunidade Valenciana, 2 en Asturias e 1 en Andalucía, Navarra, Murcia e Galicia (SGL Carbón SA): Total 50.

Sector compoñentes do automóbil (CNAE 2932): 21 en Cataluña, 16 en Euskadi, 14 en Castela La Mancha, 10 en Navarra, 9 en Aragón, 8 na Comunidade Valencia e en Galicia, 6 en Madrid, 3 en Andalucía e en Castela León e 1 en Estremadura e Cantabria. Total 100.

Sector tecnoloxías da información (CNAE 6209): 28 en Madrid, 13 en Cataluña, 4 en Euskadi, 2 en Aragón e 1 en Andalucía, Cantabria e Asturias. Total 50. En Galicia 0.

Sector ferroviario (CNAE 3020): 8 empresas en Madrid, 5 en Cataluña e no País Vasco, 2 en Aragón e 1 na Comunidade Valenciana, Navarra, Castela León, Andalucía e Asturias. Total: 25. Galicia 0.

So é unha mostra pero entendemos que abondo significativa por tratarse das principais empresas en sectores esenciais para o futuro económico. Delas, 80 localízanse en Cataluña, 68 en Madrid, 36 en Euskadi, 22 en Aragón, 15 en Castela La Mancha, 14 na Comunidade Valenciana, 9 en Galicia: 8 no sector de compoñentes do autómobil, 1 en equipos eléctricos e 0 nos farmacéutico, tecnoloxías da información ou ferroviario.

O deserto. Permítaseme lembrar aqueloutro artigo no que se falaban das posibilidades do país, eternamente frustradas.