Nas mans de Amancio

24 de enero de 2017 (13:52 CET)

Segundo o Instituto Galego de Estatística, Galicia perderá 245.000 habitantes nos vindeiros quince anos, preto dun 10% da súa poboación. O IGE fai a estimación sobre o saldo vexetativo; se engadise os movementos migratorios, a cifra sería aínda peor.

A previsión supón a sentenza dun proceso que se leva larvando nas últimas décadas. Entre xullo 2016 e xullo 2006, Galicia perdeu 19.292 habitantes; no mesmo período, Madrid gañaba 438.431 e Cataluña 335.512. Namentres Galicia perdía o 0,7% da súa poboación, Madrid medraba un 7,3%, Cataluña un 4,7% e o conxunto do Estado un 4,8%.

Levemos a comparación cara atrás, deica 1986. Nese intervalo de 30 anos, Galicia perdía 76.104 persoas, case o 3% da súa poboación. Polo contrario, Madrid gañaba 1,6 millóns de habitantes –un 32%–, Cataluña 1,4 millóns –un 23%– e España sumaba preto de 8 millóns de persoas máis, un 20% do total de poboación. Se en 1986, os residentes en Galicia representaban o 7,2% do total español, en 2016 esa cifra se afundía ata o 5,8%.

Son números brutais que ilustran sen chisco de dúbida a extrema gravidade da situación. Fálase de crise de natalidade pero non radica aí o problema. A cerna da cuestión está na falta de dinamismo económico que impide a creación de emprego e o asentamento da xente nova. As cifras, como non podía ser doutro xeito, así o demostran: entre 2001 e 2011, anos de crecemento, a poboación galega aumentou en 75.380 persoas, un 2,8% da súa poboación daquela.

A única solución?

Isto non o resolve o tecido empresarial galego, a realidade imponse teimuda. Tampouco o vai solucionar o goberno galego, os resultados evidentes saltan á vista. A sociedade civil non ten capacidade para dar a volta á unha evolución de tal contundencia. E o apoio do goberno español mellor nin amentalo. Galicia semella condenada á súa miniaturización social e económica.

E resulta que no país reside o home máis rico do planeta (ou o segundo, depende do día). A maior fortuna do mundo, un patrimonio inmenso que naceu e se desenvolveu a partir deste recuncho atlántico. Como é posible que a economía que viu medrar o grupo cunha maior capacidade de investimento do planeta estea sentenciada á marxinalidade?

Un exemplo desa capacidade: Amancio Ortega leva investidos a través de Pontegadea 6.000 millóns de euros en propiedades inmobiliarias, as cales lle deixan en torno a un 5% de rendibilidade anual, arredor de 300 millóns. E un pensa, na súa simpleza, que se tan so unha pequena parte deses fondos os tivese dedicado ao sector agroalimentario de Galicia, este pequeno país teríase convertido nun dos polos de desenvolvemento do sector agroalimentario de Europa. Ou ao sector tecnolóxico, ou ó enerxético, ou ó sanitario... Mesmo sería posible que obtivese algo máis ca ese 5% de rendibilidade anual.

O Grupo Inditex emprega no mundo directamente a unhas 150.000 persoas. A través de subcontratas, dá traballo (datos a 31/1/2015) a 1.123.576 persoas, o 79,5% en países asiáticos. Non xulgo, so presento cifras. Sen dúbida de ningún tipo, Inditex representa unha panca económica importante en moitos lugares. Tamén en Galicia onde se calcula que, ademais dos 4.000 empregados do Grupo, outros 30.000 traballadores se benefician da actividade xerada polo holding téxtil, cifra nada desbotable. De feito, un prefire non imaxinar o que tal sería da economía galega sen Inditex.

Pódese pedir máis? Non se trata tanto de pedir como de poñer de manifesto ese paradoxo que citabamos hai un instante: unha economía empobrecida que se encamiña cara ao desastre no lugar onde emerxeu o grupo familiar cunha maior capacidade de investimento do planeta. Proseguindo co exercicio de simpleza, se o Grupo "desviase" cara a Galicia o 10% dos 900.000 empregos que hoxe en día localiza nalgún país de Asia, so o 10%, reduciría o paro galego a cifras soportables e posiblemente detería a sangría de mozos que han buscar traballo na emigración.

A economía dun país en mans dun home (e dúas mulleres)? Semella un disparate. Velaí as cifras; coido que non o é.